Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Bando Alcaldia

HABERÁ QUE CUMPRIR COAS DISTANCIAS DE SEGURIDADE

Volve o mercado dos mércores

11/05/2020

O alcalde, Fernando Suárez, anunciou que o mercadiño dos mércores se reanudará este 13 de maio, únicamente na súa sección de produtos agroalimentarios. A novidade é que se trasladará ao aparcadoiro municipal. O mercado de produtos da horta dos sábados seguirá celebrándose nas inmediacións da praza de abastos.

O rexedor confirmou que "vimos de publicar un Bando onde indicamos que desde o Concello de Ribadeo imos reabrir o mercadiño dos mércores e tamén o mercado da horta dos sábados. Hai que ter en conta que Ribadeo e a provincia de Lugo entraron na fase 1 e agora xa podemos ir flexibilizando estas normas de confinamento, e podemos ir reabrindo pouco a pouco, aínda que o estamos facendo loxicamente de acordo coas leis e estámolo restrinxindo, no que vai ser o mercado dos mércores, aos produtos agroalimentarios nada máis, prevendo a inclusión do resto de sectores pouco a pouco nos vindeiros tempos".

Suárez Barcia subliñou que "imos cambiar a ubicación tradicional do mercado do mércores para o aparcadoiro público municipal, na mazá interior entre a Avenida de Galicia e a rúa Daniel Cortezón, motivado pola imposibilidade de celebrarse no sitio habitual, dadas as limitacións do espazo e considerando o novo lugar un espazo onde mellor se poden ampliar as superficies que marcan as normativas que temos que cumprir, e ao mesmo tempo pensando no futuro para seguir usando con seguridade tanto polos usuarios como polos vendedores ambulantes".

O alcalde dixo que "imos incorporar unha serie de medidas de obrigado cumprimento para as persoas vendedoras, que estarán suxeitas a unha serie de normas protocolarias de sanidade como levar máscara, garantir dous metros de distancia entre eles e a clientela, desinfectar e limpar frecuentemente a maquinaria empregada ou poñer a disposición da clientela luvas e líquido hidroxel, entre outros. Pero tamén as persoas usuarias destes mercados deberán garantir a separación entre eles, en todo momento, de dous metros de distancia entre si, e deberán permanecer o menor tempo posible no mercado recomendándose tamén o acceso a el con máscara e con luvas".

Fernando Suárez engadiu que "queremos facer do mercado de Ribadeo un mercado seguro e queremos dar todas as medidas, tanto de limpeza como de instalación de papeleiras, como de poñer a disposición xeles, etc…, para que vaiamos ganando confianza entre a xente, para que os vendedores poidan empezar a vender e a reanudar a súa vida con limitacións, pero que poidan reanudar a súa vida económica e profesional, e ao mesmo tempo os clientes poidan empezar a achegarse a estes mercados. Isto está referido para o mercado dos mércores, pero tamén para o mercado de horta dos sábados, que se vai seguir celebrando no exterior da praza de abastos polo reducido da súa dimensión".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo