Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto vales

O OBXECTIVO É QUE NINGUNHA PERSOA QUEDE DESASISTIDA

Reparto de alimentos

07/04/2020

O Concello adquiriu 12.000 quilos de alimentos non perecedoiros para repartir entre as familias con menos recursos de Ribadeo. A concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire Rancaño, lembrou que este reparto se fai durante todo o ano, aínda que agora se reforzou como consecuencia do estado de alarma que estamos a vivir.

A edil ribadense explicou que "de maneira simultánea e complementaria ao programa de vales desde o Concello seguimos a facer o reparto de produtos non perecedoiros entre todas aquelas persoas con menos recursos. Este reparto realizámolo durante todo o ano, mais como consecuencia da situación de alarma vimos de reforzalo nas pasadas semanas, coa adquisición de máis de 12.000 quilos de alimentos. Son produtos básicos, non perecedoiros, con caducidades longas, tales como aceite, pasta, arroz, cereais, azucre,… E tamén alimentos específicos como potitos para bebés e leite de continuación".

Monica Freire referiuse tamén ao programa de vales do Concello ribadense: "o programa de vales de 50 euros para canxear por comida e produtos de aseo persoal está implementado desde a Área de Servizos Sociais do Concello de Ribadeo, funciona desde o pasado 25 de marzo, está destinado a aquelas persoas que se atopen en situación de vulnerabilidade, con ingresos económicos insuficientes ou que teñan calquera outra circunstancia sobrevida desta situación de alarma. O que teñen que facer é chamar ao teléfono de Servizos Sociais para que esa situación sexa valorada polos técnicos municipais e se entran dentro das circunstancias contempladas nesta orde da axuda proporcionarémoslles ese vale de 50 euros semanais, se a familia ten 3 ou máis membros, ou quincenais, para familias de 2 ou menos membros. Os vales son para canxear por alimentos frescos e produtos de aseo persoal e poden facelo en calquera dos 4 supermercados que están adheridos ao programa, que son o Eroski Center, o hipermercado Eroski, Día e Gadis, así como tamén nos distintos postos da praza de abastos da vila".

A concelleira de Servizos Sociais subliñou que "logo de dúas semanas de funcionamento deste programa de vales estamos dando apoio a máis de 450 persoas a través de 150 cheques de 50 euros, dos que a maioría teñen unha frecuencia semanal".

Mónica Freire engadiu que "o obxectivo que perseguimos desde o Concello de Ribadeo con este programa é que as persoas con menos recursos poidan ter garantida unha alimentación equilibrada e suficiente. Esta situación excepcional que estamos a vivir supón para moitas persoas que xa estaban nunhas circunstancias moi difíciles que aínda teñan máis complicado acceder a alimentos básicos e a produtos de aseo persoal".

A edil ribadense considera que "desde as administracións temos a obriga de que ningunha persoa quede desasistida e todos os esforzos que poidamos facer neste sentido ben feitos estarán. A atención ás persoas, e máis a aquelas vulnerables, é prioritaria para nós. E con esta premisa estamos a traballar desde o Concello".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo