Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

SON VARIAS AS FIRMAS QUE SE SUMAN A ESTA CAMPAÑA

Bonos para vulnerabilidade social

25/03/2020

O Concello concederá bonos para a compra de alimentos perecedoiros e produtos de hixiene básicos para as persoas ou familias que se atopen neste momento de confinamento en situación de vulnerabilidade social. Así o anunciou esta mañá o alcalde, Fernando Suárez. Eses vales serán canxeables nos supermercados da vila que están se están adherindo a esta campaña.

Suárez Barcia explicou que "con ánimo de facilitarlle a vida á xente, sobre todo nestes momentos complicados, desde o ámbito dos Servizos Sociais estamos ampliando moitísimo a capacidade que ten o Concello para axudar, non soamente a aqueles colectivos ou persoas vulnerables que os Servizos Sociais xa tíñamos coñecemento deles, senón tamén a aquelas outras persoas ou familias que de súpeto se poidan ver nesta situación. De aí que a entrega de alimentos que facemos habitualmente queremos ampliala a un sistema para garantir unha dieta equilibrada, sobre todo con produtos frescos perecedoiros: de carnicería, de peixaría, de froita e de verdura, acompañado tamén de produtos de hixiene básica".

O alcalde fai unha chamada a todas aquelas persoas que se atopan nesta situación "para que chamen ao teléfono dos Servizos Sociais do Concello ou a este teléfono único, que levamos días traballando con el, que é o 982.120.739. Se o están pasando mal que non dubiden en chamar a calquera hora do día e nosoutros de maneira inmediata farémoslles chegar un bono asinado polo Concello, que poderán entregar nos supermercados da vila que se están sumando a esta iniciativa (xa son varios e nas próximas horas chegaranos a contestación doutros máis) para que lles canxeen ese bono polos produtos que están establecidos nunha lista. Non se pode canxear por produtos que non sexan imprescindibles". 

O rexedor contou que "daremos bonos cunha periodicidade quincenal se é para unha ou dúas persoas, por un importe de 50 euros. E se as familias son de tres ou máis persoas darémolo con carácter semanal. Polo tanto alguén que se atope nunha situación complexa pode chamar a este teléfono, será atendido con total discreción e entregaráselle o bono para que o poida canxear nos supermercados que se sumen a esta campaña. O Concello de Ribadeo pagaralles aos supermercados os importes destes bonos para alimentos".

O alcalde ribadense engadiu que "isto engádese a todos os alimentos que o Concello de Ribadeo de maneira habitual segue e seguirá dispensando a aquelas familias que se encontran nunha situación de vulnerabilidade".

Documentación

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo