Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto limpeza Ribadeo

NOVO PASO NA LOITA CONTRA A PANDEMIA DO CORONAVIRUS

Máis desinfección

24/03/2020

O camión municipal de bombeiros do Concello de Ribadeo incorpórase desde hoxe ás tarefas de desinfección das rúas, que xa leva facendo desde hai días unha das máquinas barredoras. A actuación da comezo polas inmediacións das residencias de maiores e do centro de saúde, e seguirá por outros puntos da localidade, segundo deu a coñecer hoxe o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor declarou que "queremos informar á cidadanía que, dentro destas medidas que xa levamos días adoptando, como é o feito de baldear determinados espazos públicos, sobre todo as beirarrúas diante de espazos sensibles como as residencias, o centro de saúde, etc…, que o estamos facendo coa barredora municipal, cunha solución de auga e lixivia desde hai días, a partir de hoxe e de aquí en diante, habemos incorporar outro vehículo máis, neste caso o camión de incendios municipal, que é moito máis grande".

Suárez Barcia explicou que "ese camión ten unha capacidade de depósito duns 4.000 litros, á auga imos engadirlle unha solución desinfectante autorizada para poder actuar con máis intensidade e con máis frecuencia en todo tipo de rúas, beirarrúas e lugares sensibles de Ribadeo".

O alcalde ribadense subliñou que "para intentar loitar contra esta pandemia de coronavirus todo canto poidamos facer para mellorar a salubridade e a limpeza das vías públicas entendo que vai vir moi ben".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo