Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Axuda

TRABALLADORXS MUNICIPAIS E POLICÍA LOCAL COLABORARÁN

Teléfono de axuda

18/03/2020

O Concello pon en funcionamento un servizo de apoio para a xente que se poida sentir vulnerable durante este estado de alarma que vivimos, tanto na vila como nas parroquias. O alcalde, Fernando Suárez, contou que se trata da creación dun teléfono único para resolver necesidades básicas, que agora se ven comprometidas, como ir ao supermercado facer a compra ou á farmacia. O número habilitado é o 982 120 739, que estará operativo todos os días da semana entre as nove da mañá e a nove da noite.

O rexedor dixo que "nestes momentos especiais, nestes días de confinamento, vemos que poden acontecer situacións que non estiveran previstas. Nun período normal, os Servizos Sociais van tendo un coñecemento das situacións familiares de risco. Pero nun período excepcional como o que nos toca vivir, as necesidades e os problemas, poden aparecer en calquera momento".

Suárez Barcia subliñou que "é polo que desde o Concello de Ribadeo, creamos un único teléfono de contacto, un servizo de APOIO para aquelas persoas que nos poidan necesitar, para a xente que se poida sentir vulnerable, tanto da vila como das parroquias. Trátase dun servizo pensado para a xente maior, pero non só dirixido a ela. Creamos un teléfono para resolver necesidades básicas que agora se ven comprometidas: ir ao supermercado facer a compra,  ir á farmacia ou outra necesidade urxente similar. Habilitamos o 982 120 739 todos os días da semana, de luns a domingo e de 9 da mañá a 9 da noite".

O alcalde explicou que "temos para iso toda a rede de cobertura para poder responder con efectividade, temos aos nosos traballadores e traballadoras xa especializados nos servizos sociais, pero temos tamén a todos os que agora podemos mobilizar e reasignar a estes servizos. Tamén a Policía Local, que colaborará na entrega de alimentos e no que sexa necesario". 

Fernando Suárez engadiu: "quixemos crear este servizo de proximidade para que ninguén se sinta só, que ninguén se sinta desprotexido nestes días que quedan por diante.  Polo que ninguén dubide en chamarnos cando queira. Aquí estaremos para apoialo".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo