Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

PENDENTES DA REUNIÓN ENTRE XUNTA E FEGAMP ESTA TARDE

Chamada á calma

12/03/2020

O alcalde, Fernando Suárez, pide tranquilidade e calma á veciñanza fronte ao coronavirus e anima a seguir as indicacións para evitar contaxios realizadas polas autoridades sanitarias.

Suárez Barcia declarou que "máis aló das indicacións xenéricas que estamos recibindo como cidadás por parte das autoridades sanitarias do Estado, en canto a evitar aglomeracións de máis de 1.000 persoas, máis aló das recomendacións das medidas destinadas a conter o contaxio nos centros residencias de persoas maiores que ditou a Xunta e que estamos a cumprir, neste momento sabemos que pola tarde vai haber unha xuntanza entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Concellos e que de aí sairán as medidas a adoptar polos Concellos dentro das nosas competencias".

O alcalde dixo que "mentres tanto, e sen prexuízo de seguir mantendo as instrucións xenéricas de hixiene e de contacto que están emitindo as autoridades sanitarias, tanto galegas como estatais, o que queremos é mandar unha mensaxe de tranquilidade e ante todo moita calma, como dicía a canción, nas nosas rutinas e nos nosos hábitos, porque todas estas medidas que se están a dar son de carácter preventivo e debemos actuar con esta mesura dado que evidentemente non se vai acabar o mundo".

Suárez Barcia lembrou que "se alguén ten dúbidas sobre se pode estar contaxiado ou ter indicios de ter este virus debe chamar ao teléfono que está establecido a nivel estatal para o Covid 19 e que é o 900 400 116. Para máis información, nas próximas horas cando poidamos con certeza dicir máis instrucións faremos inmediatamente comunicación a toda a poboación de Ribadeo".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo