Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

O PRAZO ABRÍUSE A FINAIS DE XANEIRO

Prestación por fillxs menores de 3 anos

14/02/2020

O Concello de Ribadeo facilita asesoramento sobre a prestación económica de pagamento único por fillos e fillas menores de 3 anos para 2020. O prazo de presentación de documentación diante da Xunta de Galicia remata o vindeiro 10 de marzo.

Poden beneficiarse destas axudas as persoas que teñan fillos ou fillas, nados entre o 1.1.2017 e o 31.12.2017, ambos os dous días incluídos, e que, durante o ano 2018, nin elas nin ningunha das persoas que compoñen a unidade familiar estivesen obrigadas a presentar a declaración do IRPF, correspondente a ese período, nin a presentasen de xeito voluntario aínda sen estar obrigadas a iso. 

Serán igualmente beneficiarias polas fillas ou fillos adoptados ou acollidos mediante resolución, xudicial ou administrativa, ditada entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017. Nos supostos de que exista unha resolución xudicial que atribúa a custodia a unhas das persoas proxenitoras, a persoa beneficiaria será aquela que teña a custodia das fillas ou fillos. As persoas estranxeiras que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, ademais de ter a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na normativa do IRPF.

Entre os requisitos que deberán cumprirse para poder acollerse a estas axudas figuran que as persoas proxenitoras teñan a súa residencia habitual en Galicia e que, na data da solicitude, os nenos ou nenas convivan coa persoa solicitante.

A prestación consistirá nun pagamento único por cada filla ou fillo menor de tres anos sen que a mesma filla ou fillo poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria. A contía será de 360 euros polo primeiro filla ou fillo, 1.200 euros pola segunda filla ou fillo e 2.400€ polo terceiro e sucesivos. O prazo de presentación da documentación solicitada rematará o día 10 de marzo de 2020.

O Concello de Ribadeo informará aos interesados e interesadas ademais de prestarlles axuda na elaboración do expediente, na súa tramitación e posterior envío á Xunta.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo