Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto filla predilecta

A HOMENAXEADA NACEU AQUÍ EN 1922 E AQUÍ VIVIU SETE ANOS

Filla predilecta de Ribadeo

18/01/2020

A escritora Luz Pozo Garza foi nomeada hoxe filla predilecta de Ribadeo nun solemne acto que se desenvolveu no salón de plenos do Concello. Durante o mesmo soaron o Himno do Antigo Reino de Galicia, o Himno Galego e unha habanera interpretada pola Coral Polifónica. Ademais unha alumna do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo deu lectura a un poema.

Interviñeron o alcalde, Fernando Suárez, para darlle a benvida a Luz Pozo, á Corporación Municipal e ás persoas que a arrouparon coa súa presenza no Concello. A concelleira de Cultura, Pilar Otero, foi a encargada de ler a laudatio á autora ribadense para posteriormente facerlle entrega do diploma que a acredita como filla predilecta de Ribadeo, dun ramo de flores e do pin de Ribadeo. 

Otero Carbarcos na súa disertación subliñou que "eses poucos anos que Luz Pozo residiu en Ribadeo foron suficientes para ter ese sentimento de pertenza e apego pola nosa vila, como deixa ben claro cada vez que ten oportunidade e ao longo de toda a súa obra. Non queremos rematar esta laudatio sen destacar de Luz a súa permanente apertura ás novas xeracións e ás innovacións estéticas e mentais, plasmada na integración da xuventude nos seus proxectos creativos e na renovación constante da súa poética, xa desde o inicio da súa andanza literaria.Ela é a primeira escritora na nosa literatura galega que escribe de maneira directa un canto erótico de muller en primeira persoa, no libro O paxaro na boca (1952). Este poemario nace, en palabras da autora, grazas a Manuel María, o poeta da Terra Chá, outro dos grandes da nosa literatura, quen a animou a escribir en galego. Desde a publicación deste primeiro poemario no noso idioma,  segundo a catedrática de Filoloxía Galego-portuguesa, Rosario Álvarez, Luz Pozo achega “unha poesía inzada de sensualidade profunda, na cal o amor, a inquedanza existencial, a patria, a liberdade e mesmo a morte se entrecruzan compondo textos de sublime autenticidade e madurez".

A homenaxeada tomou a palabra a continuación: "agradezo de corazón a honra que vostedes me fan, con toda a Corporación Municipal, no momento de nomearme filla predilecta de Ribadeo, a miña terra natal, que medra comigo, vive comigo e morre comigo. Cada vez estou máis convencida de que a morte non existe, pasamos desta vida a outra. Quizás sexa mellor, eu penso que si, pero isto tampouco é nada malo".

Luz Pozo lembrou que "vivo en Ribadeo durante 7 anos, nacín na núa de San Roque, nunha casa que era de dona Amadora de Importancia. O espectáculo daquel tempo era o fútbol. O domingo a dona da casa chamaba a miña nai e dicía: Luz baixa, vamos ver pasar a xente que vai para o fútbol. Iso era o espectáculo máximo no 1923 aproximadamente. Tamén recordo dese tempo na rúa de San Roque o día de Reis, os xoguetes, compartidos coa familia de Cancio, Adela e Reginita; entre eles había unha bicicleta que ao meu irmán, que tiña case 4 anos máis, volvíao tolo, pero Adelita non lla prestaba. Había tamén un cabaliño de madeira, ao que lle faltaba unha orella. Despois trasladámonos a Cantalarrana, á casa de campo de don Bonifacio Díaz. Había unhas lilas preciosas, que eu quería coller pero dicíanme que non podía porque eran de don Bonifacio, que entón para min era o rei das lilas. Había unha riachiaño que daba a volta por arredor da casa de Cantalarrana, era moi pequeniño e alí ía a nosa muchacha a lavar a roupa e levábame a min… En Ribadeo bautizáronme e confirmáronme, antes de marchar a Viveiro en 1930. Despois no 36 xa veu a guerra e tivemos que marchar, primeiro a Lugo e logo a Marruecos. E aquí estou hoxe con vós, estou sempre con vós. Quérovos".

No acto celebrado hoxe no Concello de Ribadeo tamén participaron o cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, o profesor Toni Deaño, así como un representante da Real Academia Galega. O encargado de pechar a sesión foi o alcalde, Fernando Suárez, que definiu a Luz Pozo como "unha persoa adiantada aos seus tempos, un faro nunha sociedade escura e moi hipócrita tamén". O rexedor rematou o seu discurso sinalando que "temos a sensación de achármonos diante dunha vellez luminosa, unha vellez que quereriamos para nós mesmos e para os nosos. Luz, benvida de novo á túa casa".

Documentación

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo