Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto presidente Deputacion

A PRIMEIRA A UN CONCELLO DA MARIÑA

Visita do presidente da Deputación

17/10/2019

O alcalde, Fernando Suárez, mantivo un encontro este mediodía no seu despacho no Concello co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, que hoxe visitou Ribadeo para coñecer de primeira man as súas necesidades e preocupacións. Despois de pasar polo Pazo de Ibáñez ambos supervisaron as obras que as dúas institucións están a sufragar no terreo de xogo do campo municipal Pepe Barrera.

O rexedor dixo que "quixemos convidar ao presidente da Deputación, José Tomé, para que viñera ao Concello de Ribadeo onde lle estamos profundamente agradecidos que, a diferenza doutras institucións, aquí na Deputación, xa desde hai moitos anos, sempre nos escoitan, sempre nos reciben e se convidamos nós sempre veñen, e é importante".

Para Suárez Barcia "quizais hoxe non sexa o momento para iniciar unha serie de peticións que temos moitas que facer, hoxe é o inicio dunha continuación dun traxecto que vimos mantendo coa Deputación, nestes últimos anos, colaborando. Queremos agradecer que viñera o presidente da Deputación a Ribadeo para ver de primeira man algúns aspectos nos que a institución provincial está colaborando actualmente como pode ser a renovación do campo de fútbol, no que colabora dunha maneira importante, a diferenza doutras institucións que colaboran dunha maneira pírrica, pero xa que está aquí tamén lle queremos comentar algúns aspectos que nos gustaría que ao longo deste mandato se puideran ir resolvendo, ben porque son titularidade da Deputación directa ou porque pode colaborar". 

O alcalde engadiu: "queremos agradecer a presenza do presidente da Deputación aquí e tamén dicir que desde Ribadeo estamos moi contentos de que exista un goberno estable na Deputación e de colaboración leal. Espero que siga así sendo todo o mandato e que poidamos facer cousas moi importantes pola provincia, e eu, como alcalde de Ribadeo pola parte que me toca, por Ribadeo".

Despois de asinar no libro de honra do Concello de Ribadeo o presidente da Deputación, José Tomé, manifestou: "loxicamente supoño que o alcalde me trasladará as súas preocupacións e as súas necesidades. Nós tomaremos nota e, como el dicía, na medida do posible dentro do actual mandato, destes catro anos que nos quedan por diante, trataremos non sei si a todas, pero a algunha delas darlles solución para beneficio dos veciños e veciñas de Ribadeo". 

Tomé Roca leu a continuación o que escribiu no libro de honra do Concello ribadense: "é que para min é unha honra visitar por primeira vez o Concello de Ribadeo como presidente da Deputación de Lugo, un Concello de referencia da Mariña e que ademais supón un importante referente dende o aspecto social e económico e tendo unha profunda tradición mariñeira. Desexo a todos os veciños e veciñas de Ribadeo, personificados no seu alcalde, o mellor para o futuro".

José Tomé e Fernando Suárez mantiveron unha xuntanza privada no despacho do rexedor e despois supervisaron as obras que se están a realizar no terreo de xogo do campo municipal Pepe Barrera. Fernando Suárez e José Tomé estiveron acompañados polas deputadas provinciais Mónica Freire e Pilar García, ademais de por concelleir@s da Corporación Municipal de Ribadeo.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo