Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto recepcion

RECIBIU UN AGASALLO CONMEMORATIVO

Recepción a Tania García

20/09/2019

O Concello ofreceu unha recepción a Tania García Martínez, xogadora ribadense de rugby que se proclamou campioa de España de clubs na liga DHF de Rugby XV. No acto participaron o alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Igualdade e Deportes, Mariluz Álvarez Lastra e Jorge Díaz, e o técnico de Deportes, Iván López.

A edil de Igualdade dixo que "é un orgullo sempre para o Concello de Ribadeo galardoar ás nosas deportistas, con nome feminino, que poñen o nome de Ribadeo en valor alí onde van, e sobre todo en deportes tan minoritarios e tan estereotipados relacionados co tema de xénero, onde as mulleres asiduamente no adoitan participar, e menos nun concello tan pequeniño como o noso. É unha honra, un pracer e un orgullo, e son un referente para o resto de rapazas do noso concello, para que vexan que calquera disciplina deportiva, con esforzo, con tenacidade e con ansia de disfrutar do que é o deporte e do que nos aporta ás nosas vidas, tanto na saúde física, na saúde mental como na nosa vida persoal, que podemos facelo".

Mariluz Álvarez quixo "animar a todas as rapazas do noso concello, que se vexan reflectidas nestas deportistas, neste caso na disciplina do rugby, nas edicións pasadas como tivemos a Ana con nós e hoxe como temos a Tania, e a todas outras moitas pequenas e rapazas que están por aí loitando por acadar eses podios, que saiban que sempre van ser recibidas no noso Concello, que para nós é unha honra e que as seguiremos apoiando incondicionalmente sempre. Grazas a Tania por poñer enriba da mesa o teu grao de area para que o rugby sexa coñecido e para poñer ás mulleres no seu lugar en todos os ámbitos da vida, pero sobre todo no deporte, porque as nosas condicións familiares, as nosas cargas e os papeis sociais que levamos tido ao longo da historia nos permiten non ter ese tempo de ocio nin poder disfrutar nin participar tanto na vida deportiva como na vida social tanto como nós quixéramos. Entón moitas grazas a vos. É un orgullo que xente nova como vos estades aí e sexades rompedoras en todo isto".

O alcalde manifestou que "nos agradan moito todos os deportes, non falamos mal de ningún porque todos son moi bos, pero nos agradan especialmente estes deportes que son minoritarios, que incluso sendo minoritarios en Ribadeo non levan moito tempo. E agrádanos ver como ultimamente estamos recibindo xente loitadora e que acada postos reseñables, como é o caso de Tania. Insisto que hai deportes máis maioritarios que son igual de duros, máis ou menos, que a veces teñen a virtude de que son máis mediáticos, nas teles, despois dos telediarios, sempre tes a ración dun deporte máis maioritario e doutros, pero de rugby moi pouquiño. Entón é de destacar que Tania contribúe, desde a súa posición, a poñer o noso nome de Ribadeo por aí adiante e queremos que se recupere desa lesión deportiva e que siga defendendo o nome de Ribadeo e ademais a cuestión de xénero por encima de todo".

A xogadora ribadense Tania García Martínez deu "as grazas por este recoñecemento que para nós é bastante importante dado que é un deporte minoritario, entón agradecemos que se nos recoñeza o esforzo. Por suposto, cando me recupere, tanto eu como Anita seguiremos levando o nome de Ribadeo ata onde cheguemos, por algo é onde empezamos".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo