Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Banda Sinfonica

NO PROGRAMA INCLÚESE UNHA OBRA DE CARME RODRÍGUEZ

Banda Sinfónica de Galicia

06/08/2019

A Banda Sinfónica de Galicia actuará no auditorio municipal de Ribadeo o vindeiro venres, 9 de agosto, ás 20:30 horas. Música e valores é o título da xira deste 2019.

A agrupación está formada por 46 compoñentes, con idades comprendidas entre os 14 e os 22 anos, procedentes de diferentes bandas, escolas e conservatorios das catro provincias galegas. Os seus directores son: Carlos Diéguez, David Llano e Quique Lagares. 

No programa de concerto desta xira destaca a interpretación e edición de obras de compositores galegos menores de 23 anos, como é o caso de Carme Rodríguez, de Ribadeo, e de Manuel Vázquez, de Cea; a participación como solistas dos galardoados no concurso Proxectando sons (Jaime Estévez co saxo alto e Iván Carballal co bombardino); ou tres pezas que teñen unha conexión especial cos auditorios onde tocarán estes días: Ribadeo, Sober e Ortigueira. 

A ribadense Carme Rodríguez explica sobre a súa obra incluída no concerto da Banda Sinfónica de Galicia: "a obra, titulada A cova sumerxida. Xuízo a unha serea conta unha revisión do mito da Maruxaina, e tivo no ano 2017 o recoñecemento de ser Obra Finalista no X Concurso Galego de Composición para Banda de Música. A serea Maruxaina mora na cova de Xan Vello, sumerxida nos Farallóns da costa de San Cibrao, pero cando o temporal axexa, sobe ao alto do illote da Sombriza e dende alí canta e toca a corna. Os mariñeiros, engaiolados pola súa voz, achéganse demasiado ás rochas e sofren terribles naufraxios, ata que deciden saír ao mar para buscar á ninfa, levala apresada a terra e xulgala polos seus crimes. É entón cando a Maruxaina ten oportunidade de contar a verdade: ela só quere impedir os afogamentos e canta para advertir aos mariñeiros do temporal e mantelos lonxe dos Farallóns. Despois do xuízo, e vendo o pobo a verdade no relato da serea, devólvena ao mar, e dende entón a Maruxaina, fiel ao seu cometido, deixa soar un fermoso canto de cornas, evitando as desgrazas duns mariñeiros que agora, agradecidos, celebran a vida na súa honra".

Rodríguez engade que "esta historia está estruturada en catro movementos: I. Nos farallóns, II. O naufraxio, III. O rapto da Maruxina e IV. Cornas na quietude; e amosa o estilo cinematográfico dos poemas sinfónicos, con momentos intimistas nos que os solos dos ventos teñen protagonismo e explotan as capacidades do instrumento, e outros momentos de acción con grandes densidades instrumentais. Utilízanse varios leitmotivs, símbolos das personaxes, localizacións ou emocións do relato, sendo o motivo melódico do canto de cornas da Maruxaina o que vertebra toda a obra".

A xira 2019 da Banda Sinfónica de Galicia conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Políticas Culturais, dos Concellos de Ortigueira, Ribadeo e Sober, Xacobeo 2021, así como das escolas e bandas de ditas vilas e das empresas Editorial dos Acordes e Piccolo Music Store.

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo