Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto apertura

BARCIA TIVO PALABRAS DE AGRADECEMENTO PARA OS TÉCNICOS

Apertura da residencia

14/06/2019

Hoxe abriu as súas portas o centro atención a persoas maiores de Ribadeo coa chegada dos oito primeiros usuarios e usuarias. O resto irán chegando de forma escalonada nas vindeiras semanas ata completar as 28 prazas concedidas ata o momento, das 47 coas que conta a instalación. O alcalde, Fernando Suárez, quixo compartir o momento coas Corporacións actual e anterior, coas asociacións de veciños, co que fora vicepresidente da Deputación de Lugo cando o proxecto botou a andar, Antonio Veiga, e tamén co presidente da institución provincial, Dario Campos, que non puido acudir ao acto, pero na súa representación estivo a deputada e alcaldesa de Trabada, Mayra García.

Na súa intervención o rexedor dixo que "hoxe é un gran día, aínda que hai sete meses fixéramos un acto de portas abertas, pero isto non é unha segunda inauguración, é constatar a palabra dada, o que dixemos, que o soño colectivo xa non é un soño, é unha realidade, unha verdade, está cumprida. Poucas cousas foron tan estudadas, tan traballadas, tan consensuadas e tan explicitadas coma esta".

Suárez Barcia lembrou que "isto empezou pola mobilización social, amparada e secundada polo pobo a través dos seus representantes no Concello. Valeuse do mellor da política: do diálogo, da empatía co adversario para lograr un fin común, de que as obras téñense que facer pasiño a pasiño e non a saltos nin coller atallos, valeuse de que as actuacións estratéxicas non deben ter en conta as reviravoltas do día a día, que é moi importante traballar ao pé dos técnicos, tanto do Concello como da Deputación. Isto é o mellor da política, pero esta residencia tamén se zafou do peor dela: das miserias, do castigo por ser diferente, das vinganzas dos que perden aquí e gobernan aló, …".

O alcalde ribadense manifestou que "nunha provincia chea de xente maior non lle dábamos dado resposta a este problema. Demagoxia había moita, pero a realidade é a que é: xente que leva máis dun ano esperando por unha valoración da dependencia, xente á que se asigna praza residencial a máis de dúas horas en coche do seu entorno. E con isto que hoxe empeza aquí damos un paso de xigante. En primeiro lugar cumprimos o que prometemos: unha residencia en Ribadeo preferentemente para os veciños e as veciñas de Ribadeo, pero non excluínte porque non podemos excluír a ninguén, e sobre todo a prezos asumibles para a renda dispoñible das persoas do noso entorno. Por iso hoxe nos congregamos aquí, despois de 7 anos de traballo, ás veces discreto, ás veces tenso, ás veces pensando que isto non ía saír, pero finalmente, en termos bíblicos, David volveu vencer a Goliat". E engadiu: "e quixemos explicitalo hoxe, con esta Corporación, porque aquí hai xente que mañá cesará e tamén hai xente que mañá tomará posesión. Os que esteamos a partir de mañá vamos ter outros retos, primeiramente vixiar para que isto vaia ben e que se cumpra o que soñamos. Ao mesmo tempo temos que seguir pensando e actuando noutros problemas dos nosos maiores. Temos que mellorar e actualizar as instalacións do hospital asilo e volveremos por iso pedir colaboración á Deputación e á Xunta de Galicia; a ver se desta volta caen do cabalo e se comprometen decididamente a apoiarnos economicamente en todo este gran proxecto que temos por diante. Porque detrás destas 50 solicitudes, que temos nestes días, detrás destes 28 expedientes de acceso que están aprobados desde hai uns días están persoas, son homes e mulleres que merecen o mellor de nós, dos representantes que democraticamente fomos postos aquí para defendervos a todos vós".

Fernando Suárez deulles a benvida "aos 8 primeiros residentes neste hotel de catro estrelas e tamén aos traballadores e traballadoras e dígolles aos usuarios: queremos que sigades facendo e actuando da maneira máis parecida a como viñades facendo, aos vosos ritmos, porque aquí non tedes un horario estrito de que toque unha campá e haxa que ir comer á unha; aquí tedes un horario de 8 a 10 para tomar o almorzo, decidides a que hora vos erguedes; tedes un horario para xantar, de unha a dúas; tedes a hora da merenda tamén nun horario dentro dun marxe; e tedes a cea a un horario tamén diferente porque igual a algún gústalle ir ver o partido de fútbol antes de ir cear".

O alcalde rematou a súa intervención sinalando que "por cousas como estas paga a pena ser de Ribadeo e estar en política. Saúde, terra e que viva Ribadeo".

A concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán, comezou dando "as grazas ao meu equipo de goberno durante estes últimos 4 anos por darme a oportunidade de participar neste marabilloso proxecto. Grazas tamén a cada unha das persoas que traballaron para que esta residencia sexa hoxe unha realidade". E fixo unha mención especial "para unha persoa que foi imprescindible nas andainas deste proxecto, refírome a José Mª Rodríguez Díaz, que xa non se encontra con nós, grazas á súa viúva, Asunción, por estar hoxe con nós. E sen máis darlles a benvida ás familias e aos residentes que desde hoxe facedes que esta instalación cobre vida. E benvida tamén ao equipo de traballadores e traballadoras que de seguro, co seu bo facer, conseguirán que esta a vosa casa, o voso fogar". 

Ducias de veciñas e veciños de Ribadeo asistiron a este acto xunto a técnicos municipais e provinciais, a representantes das asociacións veciñais do concello, e a membros das Corporacións de 2011 a 2015, da saínte e da que mañá tomará posesión.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo