Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Ribadeo Camino

O LUNS HABERÁ UNHA ANDAINA ATA A PONTE DE ARANTE

Promoción do Camiño Norte

06/06/2019

O salón de plenos do Concello acolleu este mediodía a presentación das actividades realizadas polo módulo de dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais do obradoiro de emprego Ribadeo co Camiño. Trátase de 8 audioguías, un vídeo promocional do Camiño, unha visita virtual á Capela da Nosa Señora das Virtudes e un vídeo en 3D do tramo do Camiño ao seu paso por Ribadeo e da capela de Arante. 

A este acto asistiron alumnxs, profesores, a directora do obradoiro, o alcalde, a concelleira de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo, o cura párroco de Ribadeo, o presidente da asociación O Formigueiro e membros da comisión que traballou para conseguir a declaración de festa de interese turístico galego para a Romaxe das Cruces. 

A concelleira de Turismo, Comercio e Desenvolvemento Local, Ana Martínez, manifestou que "hoxe estamos para ver este traballo, que é moi importante porque pon en valor unha parte importante do patrimonio do concello de Ribadeo como é o Camiño de Santiago ao seu paso por este concello. Imos centrarnos máis nesa capela tan importante que está no paso do Camiño por Ribadeo, como é a Capela das Virtudes na Ponte de Arante, porque  ademais cadra que o próximo luns, luns de Pentecostés, se vai celebrar a festa da Nosa Señora das Virtudes, a Festa das Cruces. Quero poñer de releve a importancia desa festa, dese patrimonio de Arante, porque precisamente hai pouco máis de tres meses o Consello da Xunta de Galicia declarou festa de interese turístico galego esa romaxe".

A edil engadiu que "iniciamos un traballo importante, de feito están aquí con nosoutros parte dos integrantes da mesa que se reuniu para presentar ese traballo e ese proxecto, e solicitar, por parte do pleno do Concello de Ribadeo á Xunta de Galicia, esa declaración de festa de interese. É unha festa moi importante no senso de que reúne o conxunto do traballo, o valor da veciñanza defendendo o propio, defendendo o local e defendendo a súa terra".

Ana Martínez quixo "dar as grazas ao presidente do Formigueiro, que é Javier González, unha das persoas moi importantes en que se manteña este valor da festa que se vai celebrar como interese turístico, a Festa das Cruces. Quero recordar o traballo importantísimo que leva feito Azucena e agradecer tamén a colaboración por parte da parroquia, temos aquí a Gonzalo Varela, o párroco. Tamén darlle as grazas a Carlos Trevín, que estivo colaborando nesa mesa, agradecerllo a Emilio López Piñeiroa como historiador, aos veciños e veciñas da Ponte de Arante, e tamén o esforzo e o traballo que fixeron as técnicas do Concello de Ribadeo. Grazas a todo iso hoxe podemos dicir que a Festa das Cruces da Ponte de Arante é unha festa de interese turístico galego. Este ano vai ter certas novidades e desde o Concello de Ribadeo, aproveitando este primeiro ano de declaración de festa de interese turístico, queremos convidar aos veciños e ás veciñas que nos queiran acompañar nunha andaina a recuperar esa romaxe, ese treito para facelo conxuntamente camiñando, creo que nos van acompañar os alumnos e alumnas deste obradoiro, e así tamén sacamos a credencial do peregrino ribadense, a xente que faga o tramo do Camiño dende Ribadeo á Ponte de Arante, vai recibir esta credencial que se vai selar alí na propia capela".

A saída desa andaina será o luns, 10 de xuño, ás 08.45 horas desde a oficina de turismo e a volta a Ribadeo desde a Ponte de Arante farase en autobús, que sairá ás 14:30 horas aproximadamente cara a vila. 

A directora do obradoiro, Maitane Aranguiz, aproveitou "este momento no que estamos xa moi preto do peche, para agradecer a Ana, a Mónica e ás persoas que nos axudaron no desenvolvemento deste proxecto, e moi especialmente aos alumnos porque grazas ao seu esforzo e ao seu traballo, moitas veces facendo fronte a certas dificultades, estando en Arante moitas horas baixo a chuvia e rozando os camiños moitas veces con mal tempo, grazas a eles se fixo e sacamos adiante este proxecto. Tamén grazas aos monitores Ángel e Ana porque sen eles non poderíamos presentar estes proxectos".

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, dirixiuse aos alumnos e alumnas do obradoiro Ribadeo co Camiño dicindo que "realmente hoxe é o voso día, tedes que ter a voz cantante, nosoutros somos como alumnos, espectadores que gustosamente vimos escoitar o resultado dos vosos traballos de todos estes meses. Pero si me gustaría resaltar que hai moitos ingredientes que forman parte deste traballo destes meses, traballo formativo pero tamén traballo de colaboración, de coordinación e de cooperación con institucións públicas, privadas e relixiosas que cada un na medida das súas posibilidades puidemos concretar e precipitar cousas que, ademais do voso traballo durante estes meses, penso que van quedar aquí en Ribadeo durante moito tempo. Ademais será unha guía non soamente para os peregrinos que veñan polo Camiño Norte, entrando por Ribadeo cara a Santiago, senón tamén a parte da espiritualidade que moitos lle queiran dar, desde o punto de vista de recuperar o patrimonio. Eu síntome especialmente satisfeito por ver como todos e cada un desde o seu ámbito, formativo, do alumnado e traballador, tamén desde o ámbito institucional, relixioso e asociativo, puidemos facer un obradoiro singular para ben. Estes non son os obradoiros dos anos 90, que eran moito máis previsibles, senón que serven ademais de para formarvos para que deixedes a vosa pegada e polo que penso que nos ides explicar cousas que non é habitual en obradoiros por aí doutros tempos. Moitas grazas a todos pola vosa colaboración e cooperación leal, aos monitores, directoras, alumnos, traballadoras e traballadores do Concello que tamén prestaron a súa colaboración, e á concelleira Ana Martínez, que é o último acto que ten nesta Corporación que estamos en funcións e que a partir do vindeiro día 15 renovaremos".

Os traballos, que foron presentados polo alumnado do obradoiro foron os seguintes:
1º. Oito audioguías en catro idiomas: español, galego, inglés e francés.

1ª audioguía: O tramo do Camiño de Santiago ao seu paso por Ribadeo.

2ª audioguía: O peirao de Porcillán, a aduana vella, o mirador e a capela da Atalaia.

3ª audioguía: A praza de España: o Pazo de Ibáñez, Torre dos Moreno, Igrexia de Santa Maria  e convento de Santa Clara.

4ª audioguía: A capela de San Lázaro / hospitais de peregrinos

5ª audioguía: O Barrio de A  Ponte / a festividade das Cruces e a Igrexa de Arante.

6ª audioguía: O exvoto mariñeiro (muro sur. Igrexa da nosa Señora das  Virtudes)

7ª audioguía: pinturas marianas (muro norte. Igrexa da nosa Señora das  Virtudes)

8ª audioguía: Arco Triunfal e altar maior (Igrexa da nosa Señora das Virtudes)

Cóntase que unha vez remate o obradoiro a finais de xullo, todas as audioguías estean dispoñibles en dous idiomas máis: portugués e euskera.

2º. Vídeo promocional do Camiño, proxecto audiovisual de tres minutos de duración no que se recollen os atractivos do tramo do camiño de Santiago ao seu paso polo municipio.

3º . Visita virtual á capela da Nosa Señora das Virtudes, unha das grandes xoias do patrimonio histórico, artístico, cultural e espiritual ribadense pola  riqueza das súas pinturas murais, entre as que se atopa o único exvoto mariñeiro que hai en toda Galicia.

4º. Vídeo 3D do tramo do camiño e a capela de Arante.

O alumnado tamén se centrou nos traballos de limpeza realizados no Camiño ao seu paso por Ribadeo e nos que se realizarán ao longo do mes e medio que aínda lle queda a este obradoiro. 

O alcalde ribadense dixo ao remate desta exposición:"teño que recoñecer que non me esperaba isto. Estou sorprendido gratamente. Felicítovos aos alumnos e aos monitores, sobre todo porque se ve que os alumnos tiveron chispa propia porque moito disto foi proposto por vosoutros. Hai algunhas cousas que me gustan moito e que lle van dar un impulso importante ao turismo e ao Camiño de Santiago, a toda unha serie de elementos que, ao seu paso por Ribadeo, a xente que veña poderá aproveitarse das novas tecnoloxías para poder visitar unha capela cando está pechada, para poder saber un pouco máis da historia do que pasou por aquí e para poñer en valor moitos lugares de Ribadeo que as veces están ocultos e descoñecidos non soamente para os de fora senón para nosoutros mesmos, moitísimas cousas que non sabemos moi ben de onde veñen. Pois aquí con este traballo creo que é un pasiño que vai facilitar un pouco máis coñecernos a nosoutros mesmos, aos que estiveron antes de nós, e que lles deixaremos aos que veñan despois de nós".

A edil de Turismo, Ana Martínez, lembrou que "levamos case oito meses traballando conxuntamente, sabemos que con dificultades, aquí está a directora que nos trasladaba os problemas que se ían dando a diario, como íamos conxugando todo para que ao final chegásemos a este éxito, que é voso e é para disfrute de todos os que poidamos ver non só en Ribadeo senón a través das redes sociais e da páxina web de Turismo, é un éxito xa que se vai internacionalizar, porque son moitas as nacionalidades que pasan por Ribadeo para discorrer por este Camiño de Santiago. Creo que é un proxecto moi interesante porque Ribadeo ten costa, pero tamén ten interior. O Camiño de Santiago diversifica esa parte importante do turismo no noso concello, ademais do valor espiritual e patrimonial que lle dá, e sodes vos os que lles estades dando esa primeira visibilidade co voso traballo. Polo tanto moitas grazas, creo que non hai mellor maneira de rematar oito anos como concelleira de Turismo e Desenvolvemento Local, que coa exposición deste traballo, co ben feito que está e como futuro que queda para que a xente poida disfrutar". 

O párroco de Ribadeo, Gonzalo Varela, dirixiuse aos alumnos e alumnas do obradoiro: "felicitarvos polo voso traballo e agradecelo no nome da igrexa. Non debemos esquecer a dimensión espiritual do Camiño, que é a que ten que ver coa súa orixe e coa capacidade de futuro que poida ter o Camiño. O Camiño é un símbolo da nosa vida, a nosa vida é un camiño, unha peregrinación. Ás veces os camiños teñen dificultades, pero vosoutros co voso traballo fixestes máis fácil o camiño que é algo que vos hai que agradecer. Se amañamos os camiños e os facemos máis doados para os demais todos o andaremos con máis alegría e con máis esperanza".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo