Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

ASISTIRÁN FERNANDO SUÁREZ E ANA MARTÍNEZ, ENTRE OUTRXS

Traballos de "Ribadeo co Camiño"

05/06/2019

Mañá, 6 de xuño, ás 12 do mediodía presentaranse no salón de plenos do Concelo varios proxectos desenvoltos integramente polo alumnado da especialidade de dinamización, programación e desenvolvemento de accións culturais no marco do obradoiro dual de emprego "Ribadeo co Camiño".

O que se busca con todas estas iniciativas é pór en valor o tramo ribadense do Camiño de Santiago empregando as novas tecnoloxías como mecanismo de difusión.

Segundo explican desde a Concellaría de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio "estes traballos permitirán aos peregrinos ou a calquera persoa coñecer mellor o tramo do Camiño de Santiago ao seu paso por Ribadeo, porta de entrada en Galicia do Camiño Norte, e descubrir  parte do rico patrimonio histórico, cultural e artístico que atesoura este municipio".

No acto de mañá participarán o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira Ana Martínez, a directora do obradoiro Ribadeo no Camino, Maitane Aránguiz, monitores e alumnado. Está convidada a esta presentación a comisión que levou a cabo a proposta para a declaración da Festa das Cruces como festa de interese turístico galego.

Os traballos a presentar son os seguintes:
1.  Oito audioguías en catro idiomas: español, galego, inglés e francés.



Os Contidos das audioguías son:

1ª audioguía: O tramo do Camiño de Santiago ao seu paso por Ribadeo.

2ª audioguía: O peirao de Porcillán, a aduana vella, o mirador e a capela da Atalaia.

3ª audioguía: A praza de España: o Pazo de Ibáñez, Torre dos Moreno, Igrexia de Santa Maria  e convento de Santa Clara.

4ª audioguía: A capela de San Lázaro / hospitais de peregrinos

5ª audioguía: O Barrio de A  Ponte / a festividade das Cruces e a Igrexa de Arante.

6ª audioguía: O exvoto mariñeiro (muro sur. Igrexa da nosa Señora das  Virtudes)

7ª audioguía: pinturas marianas (muro norte. Igrexa da nosa Señora das  Virtudes)

8ª audioguía: Arco Triunfal e altar maior (Igrexa da nosa Señora das Virtudes)

Cóntase que unha vez remate o obradoiro a finais de xullo, todas as audioguías estean dispoñibles en dous idiomas máis: portugués e vasco. 

2º- Video promocional do camiño, proxecto audiovisual de tres minutos de duración no que se recollen os atractivos do tramo do camiño de Santiago ao se paso polo municipio.

3º- Visita virtual á capela da Nosa Señora das Virtudes, unha das grandes xoias do patrimonio histórico, artístico, cultural e espiritual ribadense pola  riqueza das súas pinturas murais, entre as que se atopa o único exvoto mariñeiro que hai en toda Galicia.

4º- Video 3D do tramo do camiño e a capela de Arante.

Desde a Concellaría de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio engaden que "todos estes traballos estarán proximamente  dispoñibles  na páxina web de Turismo do Concello e no caso da visita virtual á Capela da Nosa Señora das Virtudes tamén, a través dun código qr que se colocará na porta da mesma capela". 

No mes de xuño – xullo os traballos do Obradoiro do Camiño a través do modulo de dinamización continuaran coa atención ao peregrino na capela de Arante e na oficina de Turismo. Tamén se levarán a cabo uns talleres de divulgación a través da posta en marcha do Semana Verde no Camiño dirixidos aos mais pequenos.

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo