Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

BARCIA DI QUE A ASISTENCIA EMPEORA DE XEITO DRÁSTICO

Petición á Consellería de Sanidade

30/04/2019

O alcalde, Fernando Suárez, envioulle un escrito urxente á Consellería de Sanidade para que proceda a modificar os termos da licitación do contrato do servizo de transporte sanitario urxente terrestre en Galicia, e máis en concreto do equipo humano esixido para a ambulancia con servizo vital avanzado medicalizado radicada en Foz. O rexedor critica que a ambulancia de Ribadeo teña que cubrir en ocasións a quenda de noite dese servizo e que o concello ribadense quede sen el.

Fernando Suárez contou que "vimos de remitirlle unha carta urxente ao conselleiro de Sanidade ao ter coñecemento desta licitación, que está levando adiante desde o día de onte, do contrato de servizo de transporte sanitario urxente na comunidade autónoma de Galicia, e máis concreto para o equipo humano que esixe a ambulancia con servizo vital avanzado medicalizado radicada en Foz".

O rexedor dixo que "pode pensar a xente por qué o alcalde de Ribadeo está cuestionando ou criticando esta licitación que se está facendo na ambulancia medicalizada de Foz, pois porque ten que ver moito coa seguridade para o concello de Ribadeo, porque con este novo concurso que están levando adiante, dende onte, vanlle restar persoal á ambulancia medicalizada de Foz, que ata o de agora tiña catro persoas, dous técnicos de emerxencias, un médico e un enfermeiro, e con este novo concurso vai ter unha persoa menos, vai ter tres, concretamente un técnico de emerxencias, un técnico e un enfermeiro".

O alcalde explicou que "esta ambulancia medicalizada só fai servizos onde a vida das persoas corre perigo, e con este recorte do presuposto non se pode asegurar a calidade. No caso dunha parada cardíaca fan falta as catro persoas, no caso dun accidente de tráfico que haxa que facer un rescate fan falta catro persoas, etc… Pero é que ademais a ambulancia de Foz que estaba a doce horas, non estaba a vinte catro, segue a doce horas, tendo que cubrir as urxencias de noite Ribadeo ou Burela, sempre que estean dispoñibles, e senón Viveiro ou Mondoñedo".

Para o rexedor ribadense "con isto seguimos empeorando drasticamente a asistencia no concello de Ribadeo porque se a ambulancia de Ribadeo se ten que desprazar a outro concello para cubrir servizos doutra área, evidentemente Ribadeo queda temporalmente sen ese recurso e iso é gravísimo. A sanidade de calidade non pode estar permanentemente mercantilizada e sometida a estes recortes económicos, que non é máis que o que se pretende con esta nova licitación nestas condicións".

Fernando Suárez subliñou que "o obxectivo dos servizos sanitarios de emerxencia é salvar vidas cando peor está a situación, e é imposible mobilizar a unha persoa cunha parada cardiorespiratoria cando só están tres persoas, fan falta catro polo que nos levan dicindo todos os profesionais sanitarios. Esixímoslle, a través desta misiva, á Consellería de Sanidade que proceda a modificar nos termos que lle estamos indicando esta licitación, agora que están a tempo, e se configuren os equipos de todas as ambulancias medicalizadas coas mesmas esixencias, suprimindo estas absurdas excepcións que figuran neste momento de baixalo a tres persoas, polo ben da saúde dos veciños de Galicia, e eu polo ben dos veciños e veciñas de Ribadeo".

Documentación

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo