Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Universidade

AS PERSOAS INTERESADAS PODEN ANOTARSE DO 2 AO 12 DE MAIO

Universidade para maiores de 50 anos

30/04/2019

O Concello acolleu este mediodía a presentación do programa Camiños de coñecemento e experiencia que leva a cabo o Vicerreitorado de Títulacións da Universidade de Santiago de Compostela, e que pretende achegar o traballo das distintas áreas de investigación ás vilas que así o demandan. Trátase dun programa de formación universitaria para persoas maiores de 50 anos. En Ribadeo haberá tres seminarios durante o mes de maio, o primeiro será a partir do día 13, e para participar é preciso inscribirse xa que cada un dispón de 15 prazas.

A directora do Programa Universitario de Maiores da USC cuarto ciclo, Esther Olveira, explicou que "Camiños de coñecemento e experiencia" é unha aposta que se leva a cabo desde a Vicerreitoría de Titulacións da Universidade de Santiago por fomentar e favorecer a democratización do coñecemento e, polo tanto, acercar o traballo das distintas áreas de investigación da Universidade e de Docencia a todas as vilas e a todos os espazos que así o consideren e o demandan. É un proxecto que nace, fai tres anos, nunha pequena experiencia piloto en torno ao Campus Universitario de Santiago, cunha oferta ás capitais de comarca, e que se impulsa, tras a súa validación, no programa á provincia de Lugo, e desde o Campus Terra a todos os concellos limítrofes que mostran interese pola mesma".

Esther Olveira sinalou que "é un programa nesta primeira edición que conta con tres seminarios. O primeiro vai sobre o ámbito máis científico, o segundo abrangue a temática máis humanística e cultural da historia, e o terceiro ten como finalidade o mundo artístico, neste caso concreto atinxe ao mundo do teatro. Cada un destes seminarios son dúas sesións, unha delas máis teórica que terá lugar na Aula do CeMIT do Concello de Ribadeo, e outra máis práctica coa que se pretenden poñer en valor os recursos, os medios e o patrimonio tanto físico, material como inmaterial que ten o propio municipio, porque entendemos que non se trata simplemente de extrapolar docencia universitaria aos distintos concellos, senón poñer en valor e traballar desde os propios municipios cara ao que é a formación que se intenta presentar nos distintos concellos".

Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociosanitarios en Ribadeo, Sonia Meilán, salientou que "dende o Concello de Ribadeo, e dende a Área de Servizos Sociosanitarios, estamos encantados de participar neste proxecto. Cremos importantísimo o achegamento da universidade ás persoas maiores de 50 anos e que a universidade abra as súas portas e achegue os coñecementos á poboación que estea máis lonxe e que non teña a facilidade de achegarse á universidade. Cremos que é un proxecto importante e desexamos que teña éxito. Animamos a todas as persoas maiores de 50 anos a que, a partir de mañá, se pasen pola Área de Servizos Sociosanitarios para anotarse, para empezar a desenvolver este proxecto que comezará o día 13".

Finalmente o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, dixo que "é unha honra, como alcalde de Ribadeo, que a Universidade de Santiago de Compostela contara con nós para a difusión desta experiencia interesantísima. É unha nova dimensión do achegamento da Universidade á xente, e unha oportunidade marabillosa de achegamento do coñecemento de profesionais da universidade á xente maior de 50 anos, que algunha delas non estará en idade laboral pero hai outra que está perfectamente na flor da vida. Teñen unha oportunidade de vir aquí profesores universitarios a dar seminarios teóricos e prácticos sobre o valor do noso patrimonio, de aprendizaxe da presenza da ciencia no día a día das nosas vidas, ou das disciplinas artísticas. En definitiva é un logro que, cando nolo propuxeron, non o dubidamos nin un momento".

O rexedor ribadense quixo "reiterar esa chamada a toda a xente, tanto da vila como das parroquias, para que se anoten porque estes cursos teñen un límite de participación. Paréceme do máis interesante desde o punto de vista da cultura en xeral e da ansia que debemos ter todas as persoas de estar en permanente reciclaxe. Non é a xente nova a única que debe prepararse, senón todo o mundo, ao longo da nosa vida, ten que ser unha reciclaxe permanente, non deitarse sen saber unha cousa máis, que é o que pretendemos con este ciclo de sesións que imos levar adiante coa Universidade de Santiago de Compostela".

Neste programa para maiores de 50 anos da USC participan os Concellos de Folgoso do Courel, Mondoñedo, Monterroso, Ribadeo e Viveiro.

Documentación

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo