Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto panchas

BARCIA FAI UN BALANCE POSITIVO DA CAMPAÑA

Panchas esgotadas

17/04/2019

O alcalde, Fernando Suárez, contou que xa se esgotaron os 1.000 packs de panchas que se puxeron en circulación o pasado 4 de abril. O rexedor asegura que a campaña tivo moi boa acollida e subliña que 10.000 panchas (10.000 euros) xa foron validadas no Concello e en ABanca polos máis de 80 establecementos que participan nesta iniciativa. Os clientes do comercio de Ribadeo teñen ata o 5 de maio para gastar a súa moeda local, que despois deixará de ter validez.

Fernando Suárez quixo nesta xornada "dar unha moi boa nova que evidencia a boa acollida e o bo funcionamento desta iniciativa que puxo en marcha o Concello de Ribadeo hai poucos días, coa colaboración de Acisa e de ABanca".

O alcalde ribadense subliñou que "segundo os datos que nos ven de pasar ABanca, todos os packs de panchas, desta moeda local que puxemos en funcionamento hai doce días, xa foron vendidos a todas as persoas da vila, do concello ou de fora que estiveron acudindo ao banco pagando 30 euros e obtendo 40 panchas. Isto significa que no mercado, nunha cifra récord de doce días que se vendeu o equivalente a 40.000 panchas, está habendo un diñeiro moi importante neste período, se cadra algo baixo desde o punto de vista comercial, con excepción desta Semana Santa. Agora todos os posuidores de panchas poden gastar ese diñeiro no comercio local, concretamente nos máis de 80 establecementos que se subscribiron a esta iniciativa".

Suárez Barcia engadiu que "segundo os datos da Oficina de Desenvolvemento Local do Concello xa máis de 10.000 panchas foron traídas aquí a validar polos diferentes establecementos que están notando como a xente paga con esta moeda, e agora o que se trata é que isto se difunda e exista compravenda nos diferentes comercios porque todo o mundo ten de prazo ata o vindeiro 5 de maio para facer todas as compras que poida".

O rexedor indicou que "isto dinamiza a economía local, dinamiza o comercio local, este sector tan importante que temos en Ribadeo, e ao mesmo tempo consolida esta iniciativa que sen dúbida en sucesivas edicións estou seguro que será copiada noutros concellos, pero que aquí en Ribadeo unha vez máis seguimos sendo referentes".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo