Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Concello de Ribadeo

SUSO PEÑA SERÁ NOMEADO FILLO PREDILECTO DE RIBADEO

Pleno onte no Concello

14/03/2019

O 2018 pechouse cun resultado positivo para o Concello de Ribadeo de 1.300.000 euros e na actualidade o remanente líquido de tesourería acumulada ascende a máis de 2.100.000 euros. O alcalde, Fernando Suárez, considera que as cousas se están a facer ben e que iso permite realizar modificacións de crédito para acometer obras como as que se realizarán no estadio municipal Pepe Barrera e para as que se reservou a correspondente partida presupostaria.

No pleno celebrado onte, un dos últimos deste mandato, foi aprobado o nomeamento de Suso Peña como fillo predilecto de Ribadeo, así como unha moción do BNG sobre o testamento vital e outra sobre as axudas solidarias ao Hospital Hijas de Galicia da Habana, no marco do Ribadeo Indiano, que irán destinadas a novos equipamentos e servizos dese centro.

O rexedor ribadense declarou: "debo dicir con orgullo e satisfacción que este é un dos últimos plenos que temos do mandato desta Corporación, foi moi intenso, con moitísimos puntos, con 16 puntos importantes máis dúas mocións, e todo foi aprobado practicamente por unanimidade. Nalgún punto puido haber algunha abstención puntual dalgún concelleiro, pero todos os puntos concitaron un acordo, que é moi importante para o ben de Ribadeo e para o orgullo de Ribadeo".

Fernando Suárez salientou que "hai que ter en conta que moitos asuntos eran de transcendencia económica, como puido ser a liquidación do ano 2018 no que, outro ano mais, o Concello de Ribadeo dá síntomas de seguir facendo ben as cousas, dado que o resultado orzamentario é positivo en 1.300.000 euros, quere dicir que os recoñecementos de dereitos son superiores ao recoñecemento das obrigas en 1.300.000 euros, e que o remanente líquido de tesourería acumulada é de máis de 2 millóns de euros, concretamente 2.100.000. ¿Significa isto que sexamos avarentos e que non gastemos todo? Non. Significa que imos facendo ben as cousas con prudencia e iso danos moitas veces marxe para facer determinadas modificacións de crédito para novas infraestruturas, complementar novas rúas, novos camiños ou novas actuacións". 

O alcalde seguiu a relatar que "unha delas é precisamente o estadio Pepe Barrera, no que ten que ver co campo de fútbol, despois de que a Deputación se comprometese a financialo nun terzo, o Concello tamén asume o mesmo reto que a Deputación de financialo noutro terzo, e a Xunta segue con esa teima de seguir dando practicamente un 3%, e esperemos que caia da burra e que por favor faga o que se estima e o que  esperan os cidadáns de Ribadeo que Xunta de Galicia poña, polo menos, o mesmo que pon o Concello e que pon a Deputación. En todo caso o Concello aprobou nunha modificación de crédito reservar o crédito total posible para iniciar o procedemento de licitación e de trámite administrativo para que isto poida ser unha realidade este verán. Hai outras modificacións de crédito que darán lugar á nova mellora de camiños, de rúas e de diferentes infraestruturas".

Fernando Suárez engadiu que "tamén destinamos estas modificacións de crédito para impulsar unha relación máis estreita coa asociación de comerciantes, con Acisa, para unha actividade vinculada ao pequeno comercio, que daremos a coñecer mañá, e que entendemos que vai ser un revulsivo importante para o comercio local, sobre todo nestes momentos baixos que poden ser antes do verán e nos que as ventas non son demasiado elevadas. Ao mesmo tempo levamos adiante, tamén unanimemente, unha modificación da ordenanza de medio ambiente de cara á hostalería, os bares e os pubs, para que poidan salvar esta circunstancia complicada que están padecendo en moitos concellos no que ten que ver coas posibles actuacións con música, amplificada ou non, dentro dos seus establecementos. Queremos disipar todas as dúbidas, sabendo que os horarios, que os decibelios e os aforos deben ser cumpridos no que ten que ver coa súa actividade orixinaria, pero que tamén poderán facer este tipo de actuacións".

O rexedor contou que "finalmente aprobamos dúas mocións, unha do BNG sobre testamento vital, e outra, que tamén foi unánime, no senso de que o Ribadeo Indiano poida ter unha actividade para recadar fondos para o Hospital Hijas de Galicia na Habana, pero non como inicialmente nos plantexaban os grupos da oposición para a súa rehabilitación, senón e despois de ter falado co cónsul de Cuba, que vaia destinado ao equipamento e a novos servizos e instrumentos".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo