Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto xuntanza onte

BARCIA DEMANDA QUE NON SE DISCRIMINE A RIBADEO

Máis sobre Pepe Barrera

13/03/2019

O alcalde, Fernando Suárez, enviou hoxe á Xunta un escrito urxente, ao delegado territorial, para darlle conta do resultado da xuntanza celebrada onte no estadio municipal Pepe Barrera e no que empraza á administración autonómica a incrementar a achega inicial comprometida de 46.000 euros. Deputación e Concello están dispostos a destinar sendas partidas de 140.000 euros para o proxecto de remodelación do Pepe Barrera, e Suárez Barcia agarda que a Xunta poña tamén un terzo da cantidade total, que ascende a 421.000 euros. O rexedor pídelle compromiso á administración galega para afrontar estas obras e celeridade na súa resposta porque deberán ser licitadas canto antes.

O alcalde declarou que "enfocando cun sentimento positivo a xuntanza de onte na que o Concello de Ribadeo convocou tanto á Deputación como á Xunta de Galicia no propio campo de fútbol Pepe Barrera, en presenza tamén dos representantes do Ribadeo FC e da SD Ribadeo, para que viran e puideran opinar do que estamos intentando facer con este impulso á renovación do campo do Pepe Barrera. Para iso o arquitecto, que o Concello contratou para redactar este proxecto, explicou con todo detalle o que se pretende facer e de onde sae este presuposto de 421.000 euros no que se require que non soamente o Concello senón outras administracións teñan que participar necesariamente nesta actuación".

Fernando Suárez contou que "o presidente da Deputación, que si acudiu, manifestou que estaba disposto a que a Deputación puxera un terzo, é dicir 140.000 euros, pero que tamén o resto de administracións con competencias en deporte, isto é a Xunta de Galicia máis o Concello, debéramos facer o mesmo. Pola parte do Concello aceptamos, sen ningún problema, e podemos asumir a cantidade dun terzo, é dicir 140.000 euros. Pero como a Xunta de Galicia que estaba convidada e por motivos de axenda, segundo nos manifestou nunha carta que aínda recibimos hoxe, non puido estar, é polo que no día de hoxe tamén lle mandamos un escrito urxente no que lle damos conta do debate do resultado da xuntanza de onte, así como emprazamos á Xunta a que suba a súa achega inicial duns pírricos 46.000 euros a un terzo, é dicir a 140.000 euros igual que estamos dispostos a poñer o Concello e máis a Deputación".

Para o rexedor ribadense "non é moito pedir cando desde o 2009 a Xunta non fixo ningún euro de inversión en infraestruturas deportivas en Ribadeo, e xa hai dez anos. Nesta misiva que lles enviamos tamén lles explicamos que esa falacia, tan manida que teñen ultimamente, de que podemos coller os cartos do Fondo de Compensación Territorial da Xunta é iso, unha falacia. Na propia Constitución, que todo o mundo reivindica moitas veces, di no artigo 143 que a suficiencia das facendas municipais débense garantir con tributos propios e na participación nos tributos do Estado e das Comunidades Autónomas. Pero ese tipo de recursos que nos dá a Xunta de Galicia, e que nos dá o Estado, son para recursos ordinarios para prestar servizos básicos, non para actuacións extraordinarias como é o caso". 

Suárez Barcia subliñou que "para actuacións extraordinarias, como é o caso, necesitamos achegas extraordinarias como a que está disposta a facer a Deputación de Lugo e como a que queremos que poña a Xunta, da mesma maneira que si un ve o Diario Oficial de Galicia pode ver numerosos convenios de Xunta e Concellos de actuacións extraordinarias. Digo que os veciños e as veciñas de Ribadeo serán igual que os de calquera outro Concello, e polo tanto o que lles pedimos é o compromiso para achega dun terzo como ás demais administracións e ao mesmo tempo celeridade porque queremos licitar estas obras canto antes para que se poidan facer durante a época estival, para que o parón deportivo no Pepe Barrera non se demore máis aló do necesario nin máis aló de outubro que era a idea que tíñamos para volver iniciar alí as actividades".

O alcalde de Ribadeo engadiu: "esperemos que haxa sentidiño e que non se utilice a política de maneira rastreira, como vemos que moitas veces se utiliza, senón que se utilice para o que os veciños queren que utilicemos a política, para dialogar e para chegar a acordos, e os veciños chegado o momento logo deciden quen o fai mellor e quen o fai peor, pero por favor que non se castigue aos veciños e ás veciñas de Ribadeo con respecto a outros concellos".

Documentación

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo