Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto visita obras

XUNTO A ELES ESTIVO O CONCELLEIRO DE OBRAS, VICENTE CASTRO

Avda Ría de de Ribadeo

11/02/2019

O alcalde, Fernando Suárez, supervisou as obras realizadas na Avenida da Ría de Ribadeo na compañía do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos. O investimento realizado achégase aos 450.000 euros. Con estes traballos o centro da vila queda perfectamente comunicado para os peóns con Vilar. Así poderán desprazarse ata esa zona con comodidade e seguridade, segundo subliñou o rexedor.

Fernando Suárez dixo que "o que máis nos satisface e o que máis nos enorgullece desta obra que levamos adiante, grazas ao compromiso outra vez máis da Deputación de Lugo,  foi o de garantir a seguridade sobre todo dos peóns que desde o centro de Ribadeo poidan vir, con comodidade e con seguridade, facer compras ou vir aos establecementos que hai nesta parte urbana de Ribadeo, que é a avenida da Ría de Ribadeo, en Vilar, pero que aínda que está configurada legalmente desde hai anos como unha parte urbana, de facto non o era".

O alcalde lembrou que "era moi complicado vir andando ata esta zona, había que sortear multitude de obstáculos e biondas, que o facían moi perigoso para a circulación peonil".

O rexedor ribadense explicou que "agora está humanizada, con nova iluminación, nova capa de rodadura, novas beirarrúas, con arborado, bancos e mobiliario urbano dunha maneira que calquera pode vir con comodidade, nunha cadeira de rodas ou unha persoa maior, sen ningún problema pode ir desde Dompiñor ata o centro de Ribadeo con total seguridade".

Suárez Barcia engadiu: "eu quero no nome do goberno, e entendo que no nome da Corporación, agradecer á Deputación de Lugo este compromiso económico que fixo posible, xunto coa achega municipal, poder facer esta obra que quedará por moitos anos e que ten un recoñecemento social e popular marabilloso aquí en Ribadeo".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo