Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto residencia maiores

E ACUSA Á ADMINISTRACIÓN GALEGA DE RALENTIZAR A APERTURA

PIA para a residencia

05/02/2019

O alcalde, Fernando Suárez, solicítalle á Xunta que conceda canto antes o PIA para a nova residencia de maiores. O rexedor denuncia que Ribadeo leva máis de mes e medio agardando por este permiso e di que "este silencio xa cheira".

Suárez Barcia manifestou que "este silencio de vai máis de mes e medio que enviamos desde o Concello de Ribadeo toda a documentación á Xunta de Galicia para solicitar o PIA, o permiso de inicio de actividade. Toda a documentación, con todos os certificados, con todos os acordos, con todo, administrativamente de maneira impecable como penso que ningunha outra administración pode ter enviada esta documentación á Xunta".

O rexedor sinalou: "entendemos que mes e medio despois, vulnerando totalmente os prazos que a lei establece para que se emitan informes, para que se evacúen informes, etc…, temos silencio. Hai uns días comuniqueime persoalmente cunha subdirectora e, un tanto nerviosa, dixo que si, que os estaban estudando e que nos contestarían".

Para o alcalde ribadense "o tema é que vai máis de mes e medio aló, e eu quero dicir xa, non no nome do goberno senón que me atrevo a dicir no nome de toda a Corporación de Ribadeo que o que está pasando aquí coa Xunta de Galicia é algo para estar abraiados. Non debe supoñer tanto problema a petición de informes porque, segundo a lei, hainos que evacuar no prazo de dez días, polo tanto este informe que a Xunta está esperando dos seus servizos xurídicos deberá estar feito cinco veces. Tampouco é tanta novidade o método de xestión que nosoutros queremos aplicar, que é unha xestión baseada na cooperación no que a propia lei 27/2013, impulsada polo goberno de Rajoy no seu momento, busca para que as administracións primemos a coordinación, a eficiencia e a eficacia, e primemos que estas Deputacións poidan, dunha maneira activa, impulsar todas aquelas accións entre Concellos de menos de 20.000 habitantes, como é o caso".

Suárez Barcia pregúntase "que é o que ocorre, pois que podemos empezar a pensar mal a Corporación Municipal de Ribadeo de que esta demora non teña nada que ver coa cercanía do proceso electoral, que dalgunha maneira isto hai que paralo sexa como sexa e dalgunha maneira a Xunta está buscando o imposible para poñernos problemas outra vez, para poñer paus nas rodas, que é o que viñeron facendo durante estes anos coa residencia. Primeiro non deron un can para construíla e agora como temos acreditado a posibilidade de levalo adiante entre a Deputación e o Concello, e de feito nestes días a Deputación está en proceso de selección da mellor empresa que poida levar a xestión xunto coa propia Deputación, dalgunha maneira a Xunta quizais está intentando buscar algún recoveco para poñer problemas".

O alcalde engadiu: "polo seu ben, e pola opinión pública de que todo o mundo está mirando en Ribadeo a actitude da Xunta para que dunha vez por todas dean o permiso de inicio de actividade, porque creo que non tiveron tantos miramentos para dar en outros Concellos, aos que con tres papeluchos deron o PIA, e aquí pouco menos que coa enciclopedia británica, nos están poñendo problemas polo menos con este silencio que xa cheira".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo