Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

RIBADEO, NA ASOCIACIÓN DE CONCELLOS POLA LINGUA GALEGA

Acordos no pleno de onte

28/11/2018

No pleno ordinario celebrado onte foi aprobada a sinatura dun convenio entre o Concello e a APLU para que sexa esta axencia da Xunta de Galicia a que se encargue de controlar o solo dos núcleos rurais. Ribadeo conta con 99 núcleos e máis de 100 quilómetros cadrados de superficie polo que esta tarefa complícase para o persoal municipal.

O alcalde ribadense, Fernando Suárez, explicou que "neste pleno ordinario, celebrado onte, foron varios asuntos os que se levaron adiante, e quero destacar que todos eles foron aprobados por unanimidade ou coa práctica unanimidade. É o caso do convenio que imos levar adiante entre o Concello e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, este departamento que pertence á Xunta de Galicia e que xa ten a misión de vixilancia urbanística no solo rústico, pero a partir de agora, coa sinatura deste convenio, tamén o vai ter no solo de núcleo rural. Hai que ter en conta que o concello de Ribadeo é grande en extensión, temos 99 núcleos e máis de 100 quilómetros cadrados de superficie, e faise moi complicado que o persoal municipal poida estar controlando o territorio durante todo o tempo, en todos os sitios, o cal pode producir ás veces situacións discriminatorias".

O rexedor dixo: "queremos que non se produza ningunha discriminación, polo tanto queremos que este organismo, que posúe moitos máis medios que nosoutros, que ten a policía urbanística e unha serie de técnicos profesionais especificamente destinados a iso, sexa o que a partir de agora controle a vixilancia urbanística e o control urbanístico, para que todo o mundo poida facer o que a lei lle faculte, pero non o que a lei lle prohiba. Para logo evitar problemas que despois nos lamentemos todos e nos tiremos dos pelos, sobre todo ao ver experiencias de concellos ben próximos a nós, no que a desfeita urbanística vai supoñer varias xeracións de persoas e de problemas para resolvela".

Suárez Barcia engadiu que "tamén aprobamos a incorporación deste Concello de Ribadeo, ao igual que moitos de toda Galicia, a esta asociación que se está creando de Concellos pola lingua galega, para a promoción da lingua e a realización de actividades na súa defensa e na súa dignificación".

O alcalde sinalou que "ademais aprobamos, por unanimidade, o incremento do IPC nas tarifas de piscina municipal. Esta instalación está a través dunha concesión e no contrato, no seu momento, está pactado que o concesionario pode, si así o desexa, incrementar os custes derivados polo incremento do índice de prezos ao consumo. Polo tanto, está no contrato e desde o pleno ratificamos esa pretensión da empresa".

O rexedor ribadense contou que "no apartado de rogos e preguntas, diferentes concelleiros dos grupos da oposición suxiren cuestións de mellora para toda a cidadanía, e desde o goberno intentamos cumprir, na medida das nosas posibilidades, ou motivamos e explicamos cando non o podemos levar adiante. En todo caso, como sempre, como nestes últimos anos, os plenos son agradables de trato, coas lexítimas diverxencias ideolóxicas e políticas, pero ímolo levando razoablemente ben entre todos e todas".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo