Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto residencia maiores

TAMÉN OS DÍAS 1, 2, 8 E 9 DE DECEMBRO

Xornada de portas abertas

16/11/2018

O Concello organiza xornadas de portas abertas ao novo Centro de Atención a Persoas Maiores de Ribadeo. A primeira será o 24 de novembro e nela participarán o alcalde, Fernando Suárez, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e a concelleira de Servizo Sociosanitarios, Sonia Meilán.

O rexedor dixo que "con todo o esforzo, con todo o agarimo, con toda a ilusión que poidamos ter os que dedicamos o mellor de nós mesmos ao servizo público queremos entrar agora nunha nova fase definitiva, previa ao funcionamento ordinario do Centro de Atención a Persoas Maiores de Ribadeo, a residencia de Ribadeo". 

Suárez Barcia contou que "nestes días asinaremos entre o Concello e a Deputación o convenio específico de xestión e tamén mandaremos a documentación á Xunta para que nos dean a autorización de inicio de actividade. Pero tamén convén que a xente vaia vendo e sabendo de primeira man o que fomos conseguindo, o que fomos construíndo e equipando, logo dun grandísimo esforzo de algo que é un grande logro para Ribadeo, polo que algo que está dirixido aos nosos paisanos e paisanas sexan vostedes mesmos quen acudan a velo".

O alcalde subliñou que "desde o Concello imos celebrar unhas xornadas de portas abertas, concretamente o acto vai ser o sábado 24 de novembro ás doce do mediodía e no que nos vai acompañar, como non, Darío Campos, que é o presidente da Deputación de Lugo, esta entidade que desde o primeiro momento estivo con nós man a man para conseguir isto, que está a piques de ser realidade e un orgullo para todo Ribadeo e para toda a comarca".

E engadiu: "logo deste acto o Centro de Atención a Persoas Maiores de Ribadeo seguirá abrindo as súas portas para dar a coñecer as instalacións en horarios de mañá e tarde nesa mesma fin de semana, así como nas do 1 e 2 de decembro e 8 e 9 de decembro, sempre en horarios de 11 a 14 horas e de 16 a 20 horas".

Fernando Suárez convida á veciñanza a visitar estas novas instalacións: "así que quedades todos convidados e convidadas ao acto de portas abertas deste 24 de novembro ás doce do mediodía así como ao longo desa fin de semana e nas dúas seguintes nos horarios indicados".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo