Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

ABORDARÁ CUESTIÓNS COMO A AUTOESTIMA OU A EMPATÍA

Habilidades para a Vida

12/10/2018

A Educación en Habilidades para a Vida chegará durante o curso 2018-19 a 150 alumnas e alumnos dos colexios e CEIP de A Pontenova, Barreiros, Ribadeo e Trabada. Trátase dunha acción de intervención socioeducativa na aula destinado a rapazas e rapaces de 5º e/ou 6º de EPO. E enmárcase no Programa de Prevención de Drogodependencias e outros Trastornos Adictivos da Concellaría de Servizos Sociosanitarios que dirixe Sonia Meilán. 

Segundo explican desde este departamento "as Habilidades para a Vida son, en síntese, os apousentos sobre os que se constrúe a competencia psicosocial, entendida segundo a OMS como a habilidade dunha persoa para enfrontarse exitosamente ás esixencias e desafíos da vida diaria".

E sinalan que "para a acción educativa nunha ampla variedade de campos (Educación para a Saúde, prevención de drogodependencias, promoción da autonomía, educación afectivo-sexual….) o  modelo de Educación en Habilidades para a Vida está recibindo a escala internacional un impulso prometedor xa que diversos organismos internacionais relacionados coa acción educativa, social e sanitaria, como a OMS ou Unicef, entre  outros, coinciden en considerar este modelo como unha estratexia efectiva á hora de desenvolver na súa poboación destinataria competencias persoais e sociais que mellore as súas destrezas para desenvolver unha vida autónoma e saudable que os faga menos vulnerables a involucrarse en condutas de risco".

Desde a Concellaría de Servizos Sociosanitarios din: “non podía ser doutra maneira xa que este modelo incide sobre boa parte dos factores de protección e dos factores de risco identificados pola investigación respecto ás condutas susceptibles de comprometer a saúde e o benestar. Unha das principais virtudes deste modelo educativo está en que transcende do simple subministro de información sobre as condutas a evitar (consumo de tabaco, por exemplo) para centrarse no desenvolvemento de competencias psicosociais que permitan organizar asertivamente a propia existencia, incluso en condicións de adversidade social".

E subliñan que "a Educación en Habilidades para a Vida pretende dotar a cada persoa dunha batería de recursos que lle axuden a obter o mellor de si mesmas, do seu mundo relacional e do entorno social, contribuíndo a previr riscos psicosociais de diversa natureza (abuso de drogas, violencia entre iguais, violencia machista..etc)".

Pola súa banda, desde o Programa de Prevención de Drogodependencias e outros Trastornos Adictivos explican que "as Habilidades para a Vida coas que traballaremos, propostas xa no 1993 por a OMS son as seguintes: Autocoñecemento e Autoestima, é dicir o recoñecemento da nosa personalidade, características, fortalezas, debilidades, aspiracións, expectativas…; a empatía: capacidade para pórse no lugar doutra persoa e desde esa posición captar os seus sentimentos; o pensamento crítico: capacidade de analizar con obxectividade experiencias e información, sen asumir pasivamente criterios alleos como ocorre coa publicidade; e manexo de emocións e sentimentos: recoñecemento e xestión positiva do noso mundo emocional, manexo da tensión e do estrés".

Serán 4 sesións de 50 minutos de duración e as técnicas utilizadas serán o debate, cuestionarios, rol-playing e audiovisuais. Vanse desenvolver en todos os colexios e CEIPs dos concellos de Ribadeo, Barreiros, Trabada e A Pontenova, cunha participación duns 150 alumnos e alumnas de entre 10 e 13 anos.

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo