Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Festa da Horta

ORGANIZAN O CONCELLO E A SUCADOIRA

Festa da Horta

11/10/2018

Este domingo, 14 de outubro, celebrarase en Ribadeo a Festa da Horta. Terá lugar nas inmediacións da praza de abastos, e haberá obradoiro de cestería, música, zume de mazá artesá, castañas asadas e degustación de produtos da horta local.

A concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, explicou que "o vindeiro domingo, 14 de outubro, celébrase en Ribadeo a Feira da Horta, que xa vai pola décimo sexta edición, e que terá lugar na praza de abastos durante toda a mañá en horario de nove a dúas. Esta feira vense realizando anualmente con motivo do peche da tempada estival dos mercados dos domingos, que se celebra no mesmo sitio onde se ubica a feira, diante da praza de abastos. Está organizada polo Concello de Ribadeo en colaboración coa asociación de produtores e produtoras de horta A Sucadoira".

A edil ribadense relatou que "este evento ven pechar toda esta serie de mercados que se veñen celebrando durante os domingos do verán, e que teñen como obxectivo principal promocionar o consumo de proximidade e local, e tamén o apoio á creación de canles de comercialización máis curtas e máis directas cos clientes, algo que ao final redunda na mellora e sostenibilidade da economía local".

Martínez lembrou que "a finais de xuño empezamos, e nos meses de xullo, agosto e setembro, foron moitas as persoas que se deron cita neste mercado tradicional para mercar produtos de calidade e gozar de diferentes actividades que durante algún dos domingos tivemos no mercado tanto musicais, como gastronómicas e culturais. Neste encontro que se fai os domingos creo que atopamos un espazo para as relacións sociais, para potenciar esas charlas nas que o consumidor pode falar con tranquilidade, e ademais de forma directa co produtor, sabendo así o que se come, gañando en saúde para o consumidor e en saúde para a economía local".

A concelleira de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo sinalou que "as actividades das que imos poder disfrutar durante a mañá do domingo, en Ribadeo na Feira da Horta, serán os mesmos postos que temos durante o verán con produtos de horta e outros máis elaborados de xeito artesanal como son conservas, coitelería, embutidos, bombóns, queixería e panadería, entre outros, pero aos que ademais se van sumar catro postos máis que serán da zona de proximidade tamén como é o caso do viño de Negueira de Muñiz, haberá ademais plantas medicinais e cosmética natural, castañas e setas. Así polo tanto poderemos contar con 18 postos onde mercar e degustar estes produtos". 

E engadiu: "ademais da venda de produtos, haberá durante toda a xornada diferentes actividades. Teremos degustación de produtos de horta, castañas asadas, elaboración artesá de zume de mazá durante toda a mañá e a partires das once haberá un obradoiro de cestería, para o que a xente se puido apuntar no Concello, ou o mesmo día no mercado. Ás doce teremos o pregón a cargo de Elia Rodríguez Álvarez, unha muller dedicada dende hai corenta anos á agricultura e fundadora da finca As Fadegas nas Anzas. Ela é unha muller pioneira na agricultura ecolóxica en Galicia, e polo tanto tamén aquí en Ribadeo, e ademais é defensora do sector dignificando sempre a profesión. Elia foi compañeira deste mercado dos domingos desde os seus inicios ata o ano pasado que se xubilou, polo tanto será ela a encargada de pechar esta décimo sexta Feira da Horta. Tamén a partires das doce e media teremos o concerto de Franklin Soul. Polo tanto en base a todo isto convidamos a participar a toda a cidadanía e achegarse á feira, incentivando así o desenvolvemento local da zona, e animar a que todo o mundo se achegue tamén a consumir proximidade e calidade, un consumo local de calidade, vinculado ao rural".

Tamén desde a asociación A Sucadoira convidan a asistir á Feira da Horta este domingo na contorna da praza de abastos.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo