Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

SOIL RECOVERY ENTROU EN CONCURSO DE ACREEDORES

Contedores amarelos

10/09/2018

O Concello suspende temporalmente a recollida do cartón porta a porta. A empresa que prestaba este servizo, Soil Recovery, deixou de facelo e tampouco recolle o lixo dos contedores amarelos. Jorge Díaz Freije subliñou que "estamos traballando para volver á normalidade o antes posible".

Os problemas económicos e a situación concursal na que se atopa a empresa Soul Recovery está a ocasionar problemas na recollida dos contedores amarelos, do cartón porta a porta e tamén no punto limpo en Ribadeo. O concelleiro de Xestión de Residuos e Limpeza Viaria, Jorge Díaz Freije, subliña que a recollida de cartón queda suspendida temporalmente, que o punto limpo segue a funcionar e que o Concello de Ribadeo busca unha solución para retirar canto antes o lixo dos contedores amarelos, sobre todo daqueles que están desbordados. A continuación toca buscar outra empresa para prestar o servizo que Soil Recovery acaba de comunicar que xa non realizará en Ribadeo. 

O edil ribadense explicou que "temos unha empresa que é Soil Recovery, que é a adxudicataria de varios servizos de limpeza en Ribadeo como a recollida de envases, a recollida porta a porta do cartón e o punto limpo. Esta empresa leva unha tempada con certos problemas económicos e agora está nunha situación concursal. Ten varios contratos en Concellos entre os que está o de Ribadeo".

Jorge Díaz Freije dixo que "o Concello de Ribadeo agora mesmo ten un contrato en vigor e estamos actuando conforme coa lei. Neste caso aplicando as penalizacións que se deriven do incumprimento do contrato. Non somos nós quen para romper o contrato, neste caso rompeu a empresa co Concello de Ribadeo. Hai uns tempos e formas estipulados pola lei que temos que marcar e que nos marcan e temos que seguir. Estanse seguindo todos os procesos que están neste contrato e vendo que hai un cambio radical no servizo que presta esta empresa o Concello adoptará medidas excepcionais para garantir a salubridade pública naqueles puntos onde así se requira".

O concelleiro de Xestión de Residuos e Limpeza Viaria en Ribadeo engadiu que "o servizo de recollida de lixo orgánico está a ser desempeñado por persoal e medios municipais, non tendo ningún problema de mal funcionamento nin nada que ver cos servizos que desempeña esta empresa". 

Díaz Freije subliñou que "para a recollida de cartón porta a porta, que se fai martes e xoves, estamos traballando co obxectivo de darlle unha solución. Queremos suspendelo de momento por prudencia para non colapsar máis o servizo ata que non se atope unha medida, que nos vindeiros días estará lista".

O concelleiro nacionalista indicou que "mentres tanto estamos falando con varias empresas para buscar unha solución. Estamos traballando para volver á normalidade o antes posible. A día de hoxe remitiu unha carta ao Concello a empresa Soil Recovery dicindo que xa deixou de prestar o servizo, entrou a día de hoxe e con data do día 7. Estamos a buscar unha alternativa para quitar o lixo de todos os contedores que están sobrepasados, e en poucos días se poñerá outra empresa para sacar eses puntos en concreto por esixencias de salubridade e control. Nuns días contamos que estea todo xa outra vez andando".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo