Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto residencia maiores

NA SEDE ELECTRÓNICA ESTÁ O BORRADOR DO REGULAMENTO

Residencia de maiores

27/07/2018

O equipo de goberno someterá a aprobación no pleno do vindeiro martes, 31 de xullo, a memoria social, xurídica, técnica, financeira e de xestión da residencia de maiores. Esta semana celebrouse a primeira xuntanza da comisión de estudo da que forman parte Deputación de Lugo e Concello de Ribadeo. Esta memoria estará exposta ao público durante 30 días para a presentación de alegacións.

O alcalde, Fernando Suárez, explicou que "durante estas semanas e meses levamos traballando con discreción, pero con moita intensidade, no noso soño colectivo que é a residencia de maiores de Ribadeo, facendo entre todos os grupos, e en estreita colaboración cos técnicos e cos políticos da Deputación de Lugo, esta institución que sempre, desde o primeiro momento, apoiou esta gran acción, como é a residencia de maiores de Ribadeo".

O rexedor contou que "agora, nesta semana que está rematando, xa tivemos a primeira comisión de estudo do que van ser as memorias e a documentación que é necesario por lei elaborar, como determinar a forma de xestión, o réxime de funcionamento, o réxime económico e de acceso deste centro de atención de persoas maiores". 

Suárez Barcia dixo que "o pleno da Corporación para o martes que ven, en sesión ordinaria, tomará en consideración todo isto, aprobarao e estará exposto ao público durante trinta días para a presentación das pertinentes alegacións. Ademais desde o día de hoxe, venres, e por un prazo de quince días temos tamén publicado na sede electrónica do Concello de Ribadeo, na área de participación cidadá, os borradores de ordenanzas e regulamentos que van rexer o funcionamento da residencia, para o cal os interesados poderán manifestar a súa opinión". E engadiu que "todo isto facémolo cunha novidade lexislativa, que entrou en vigor hai moi pouco tempo, que é o artigo 133 da lei 39/2015, de que hai que dar participación cidadá incluso en fase de borrador, antes de que se adopten acordos. Polo tanto, a partir de hoxe, todo aquel que queira poderá ir vendo cal é o resultado do traballo que levamos facendo en todos estes meses os técnicos do Concello e da Deputación, os responsables políticos da Deputación e responsables políticos do Concello, sempre atendendo aqueles criterios e aqueles principios inamovibles e polos cales loitaremos ata o final, que é unha residencia preferentemente para a xente de Ribadeo e a prezos asumibles para as xentes de Ribadeo, moi singularmente para aqueles que non teñan tantos recursos como outros".

O alcalde asegurou que "durante este verán traballaremos nos plenos coas aprobacións iniciais, coas exposicións públicas e coas aprobacións definitivas de toda esta documentación, base imprescindible e fundamental para solicitar o PIA, o permiso de inicio de actividade, á Xunta, xa que non nos puxo un peso en todo este proceso polo menos que non poña máis paus nas rodas, e así con toda esta documentación, entre o Concello e a Deputación, poidamos poñer a funcionar esta residencia canto antes. Polo tanto, un bo paso que imos dar este vindeiro martes".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo