Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Ribadeo Indiano

AGÁRDESE UN MULTITUDINARIO EVENTO HISTÓRICO-CULTURAL

Chegou o V Ribadeo Indiano

06/07/2018

A V edición de Ribadeo Indiano arranca esta tarde, e o alcalde, Fernando Suárez, dixo que todo está listo na localidade para gozar deste evento histórico cultural co que se rende homenaxe a aquelas persoas, aqueles veciños e veciñas, que un día marcharon para América en busca dun futuro mellor. O V Ribadeo Indiano inclúe charlas, obradoiros, xincanas, actuacións musicais, visitas guiadas a casas daquela época e unha morea de actividades ata o vindeiro domingo, 8 de xullo.

O rexedor ribadense declarou que "por fin chegou o gran día, por fin chegou esta nova edición do Ribadeo Indiano onde esta festa, creada hai cinco anos, está constituída como o maior evento lúdico, cultural e histórico que temos aquí en Ribadeo, para os de Ribadeo e para os que non son de Ribadeo, para os milleiros e milleiros de persoas da comarca, e de fora da comarca que van vir esta fin de semana a Ribadeo a pasalo ben, incluso aliados co tempo, despois deste monzón de oito meses sen parar de chover, por fin imos ter un bo fin de semana".

Fernando Suárez dixo que "está todo engalanado, estamos con estas cuestións de última hora, destes últimos detalles e eu antes que nada quero, en nome de Ribadeo e da Corporación, agradecer a todos e a todas a colaboración que está facendo todo o mundo de maneira máis ou menos anónima, de maneira desinteresada, cedendo materiais e aportando ideas neste proxecto colaborativo".

O alcalde subliñou que "a hostalería está moi ben e preparada con todo o stock de comida e de bebida almacenada, os hoteis están practicamente co cartel de completo, pero aínda hai sitio e pode vir todo o mundo que queira a Ribadeo durante este fin de semana. Desde esta tarde a partir das seis da tarde cando faremos a presentación, como sempre, no Teatro de Ribadeo, e seguidamente baixaremos ao porto a recibir aos emigrantes que volven das Américas para este Ribadeo Indiano. Seguidamente, desde o porto, subiremos polas rúas do casco vello facendo varias paradas musicais en varios lugares marabillosos, acudiremos ao pregón que  dá este ano Diego Rodríguez Paz, que é experto en arquitectura indiana, sendo este pregón no palco da música do parque de San Francisco, e seguiremos coa verbena que todos os anos fai as delicias de tantas e tantas persoas. Mañá, sábado, haberá unha chea de actividades en todos os sitios, en cada recuncho de Ribadeo, que están todas nas redes sociais do Ribadeo Indiano, no facebook e na páxina web. Todo o mundo que queira saber con detalle as conferencias, as charlas, as actividades musicais e os obradoiros, ten aí toda esta información".

Suárez Barcia manifestou que "temos habilitados aparcamentos auxiliares, e sinalizados, para que non sexa un problema vir a Ribadeo e tampouco sexa un problema buscar aparcamento a pesares da xente que esperamos aquí nesta longa fin de semana. Temos actividades non soamente na vila senón tamén nas parroquias como Rinlo, A Devesa ou Vilaframil, que teñen unha fonda pegada indiana, sobre todo no que ten que ver coa arquitectura. O domingo teremos unha comida no Círculo Habanero da Devesa e diversas actividades".

O alcalde incidiu en que "isto non é unha festa, isto é un evento histórico-cultural e que debe servir, ademais de para pasalo ben, para botar unha ollada atrás, para recuperar a memoria daqueles que se foron para procurar unha vida mellor, que moitos deles non volveron. Algúns, os poucos, que volveron con fortuna foron altruÍstas e quixeron dar parte da súa fortuna, como Pedro Murias e tantos outros indianos que deron o mellor de si para que as xentes que quedaron aquí tiveran acceso en momentos difíciles a unha mellor educación e a unhas mellores condicións de vida, con todas aquelas escolas e todas aquelas remesas de diñeiro que puideron mandar para os que aquí quedaron".

Fernando Suárez rematou a súa intervención sinalando que "non se entende Ribadeo, nin A Mariña nin Galicia, se non é pola pegada fonda que tivo a emigración no seu momento e que agora isto tamén nos debe servir para concienciarnos do que está a pasar e que vemos na tele todos os días, tantos e tantos barcos de emigrantes que queren buscar unha vida mellor con honradez e con traballo. Hai que lembrar que non hai moito tempo os nosos avós, os nosos pais, ou a día de hoxe moitos dos nosos seguen procurando unha vida mellor fora. Polo menos imos sacarlle o partido histórico, cultural e de ledicia que significa todo isto no Ribadeo Indiano 2018. Todo isto co noso socio de honra, que é ACISA, a asociación de comerciantes de Ribadeo, coa que man a man estamos traballando para facer o mellor Ribadeo Indiano desde hai meses".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo