Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Torre dos Moreno

A REHABILITACIÓN DO EDIFICIO É MOI COSTOSA

Torre dos Moreno

04/07/2018

O Concello segue a dar pasos para a busca dunha solución definitiva para a Torre dos Moreno. A proposta adoptada nas últimas horas pola xunta de goberno, e explicada aos voceiros municipais, consiste na permuta da parte da propiedade municipal (o 21,25%) por unha edificación situada na praza de Abaixo, a carón do Cine Colón. Dito inmoble entregaríase ao Concello rehabilitado e a el trasladaríase o xulgado de paz de Ribadeo.

O alcalde, Fernando Suárez, explicou que "onte demos varios pasos para a busca dunha solución definitiva, legal, posible e segura para a pervivencia da Torre dos Moreno, como un dos emblemas mais salientables de Ribadeo e con unha seguridade e un ornato público que disipen os problemas de seguridade que pode ter a futuro de persistir nesta situación de semi ruina".

Para o rexedor "hai ter en conta que o Concello só é propietario dunha parte minoritaria da Torre dos Moreno, un 21,25%, correspondendo a parte maioritaria, un 60%, á empresa Paisajes de Asturias. Desde hai anos estivemos traballando nunha saída razoable con esta titular maioritaria, polo que despois dun complexo expediente instruído e informado nos últimos meses coas aportacións dos técnicos e xurídicos municipais, a xunta de goberno aprobou unha serie de medidas encamiñadas a dar a mellor saída posible a este reto que temos desde hai anos".

Suárez Barcia relatou que "a proposta adoptada, que onte foi explicada tamén aos voceiros municipais polos técnicos do Concello, supón varias situacións. Por unha banda, a permuta da parte da propiedade municipal por un inmoble situado na Praza de Abaixo, a Carón do antigo Cine Colón. Este inmoble entregaríase ao Concello rehabilitado e a el preténdese trasladar o Xulgado de Paz de Ribadeo, despois que non fructificase acordo algún coa Xunta de Galicia para que nos axudase a rehabilitar o actual, tal e como nos demandan desde hai tempo os sindicatos de funcionarios da administración galega. Esta permuta conta co informe favorable dos técnicos e xurídicos municipais posto que o importe entre o aportado e o recibido é favorable ao interese público municipal".

E engadiu: "e por outra banda, darase conta á Xunta de Galicia por se, en atención á Lei de Patrimonio de Galicia, esta quere exercer os seus dereitos de tanteo e retracto por se quere asumir a parte da propiedade municipal, dado que ela (a Xunta) si que ten infinitamente mais recursos económicos e competencias legais para facerlle fronte á conservación e uso desde edificio. Outras posibles saídas como a adquisición total da Torre dos Moreno ou mesmo a colaboración na súa rehabilitación integral coa nosa porcentaxe de participación foron sendo descartadas por motivacións de desproporción económica e por cuestións de legalidade".

O alcalde ribadense subliñou: "hai que ter en conta que unha valoración aproximada do custo de rehabilitación integral suporía uns 5 millóns de euros, o cal sería comprometer toda a inversión municipal durante moitos anos para funcións que non son propias para un Concello nin útiles para os veciños. A opción de participación na rehabilitación na parte que nos correspondería (21,25%) superaría o 1.000.000 euros e supoñería investir fondos públicos a un ben de natureza maioritariamente privada cando a porcentaxe do Concello son partes proindivisas de todo o edificio, polo que tampouco se podería obter ningún rendemento destas inversións (polo menos nun período razoable de tempo, e estando a expensas das condicións da parte propietaria maioritaria)".

Fernando Suárez dixo: "estamos seguros que calquera das saídas que se poidan propoñer, xerarán debate e controversia, ideas de todo tipo, etc, etc. Pero aquelas persoas que temos a representación pública dos veciños temos que atender sempre a garantir o mellor interese público, xunto coa salvagarda da seguridade pública, algo que a día de hoxe non está garantida. Queremos polo tanto que iso mude e que a Torre dos Moreno poida estar rehabilitada e segura nun curto período de tempo".

Documentación

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo