Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Feira do libro

HABERÁ MOITAS ACTIVIDADES PARA XS MÁIS PEQUENXS

V Feira do Libro

18/06/2018

A V Feira do Libro, que organiza o Concello de Ribadeo desenvolverase do 29 de xuño ao 1 de xullo. Será inaugurada por Marica Campo e a clausura correrá a cargo de Cándido Pazó. A feira terá como base de operacións a vella oficina de turismo e a carón dela, polo paseo do parque, estarán situadas as 10 casetas dos libreiros e libreiras participantes. O concelleiro de Cultura en Ribadeo, Farruco Graña, presentou esta tarde o cartel e adiantou parte do programa de actividades. Xunto a el estiveron os responsables das Librarías Galgo e Vivín e a técnica de Cultura, Neves Paz.

Graña explicou que "xa son cinco anos, é a quinta edición desta nova fase da Feira do Libro en Ribadeo. É un pracer ver como van pasando os anos e se vai consolidando. Nesta ocasión quixemos dedicar o cartel de promoción ás pinturas de San Pedro de Arante, en especial a esa pintura que evoca a viaxe. Pensamos que era moi acaída esta imaxe porque a literatura é iso, os libros son iso, un barco no que emprender unha viaxe a todas partes, a un mundo infinito como é o da fantasía. Pretendemos combinar a nosa tradición, o noso patrimonio artístico, coa difusión da cultura do mundo dos libros e poñer en valor todo, a cultura en xeral, o noso patrimonio en particular, e dar a coñecer á xente que veña de fora e a nós mesmos lembrarnos que están aí esas pinturas e que se poden visitar de novo, que está aí ese patrimonio e que vai ser a presentación desta quinta edición da Feira do Libro, e que se vai desenvolver o 29 e o 30 de xuño, e o 1 de xullo".

O concelleiro de Cultura subliñou que "unha cousa moi importante é que este ano a feira desprázase, vai estar no mesmo lugar, no parque de San Francisco, pero vai ter como sede de operacións a vella oficina de turismo, o que agora chamamos a Sala de Exposicións de San Francisco. Vai ser un pracer combinar a presenza dos nenos no parque coa presenza dos libros, porque nas crianzas hai que pensar no futuro como o baluarte fundamental que sosteña a nosa literatura. Os actos vanse desenvolver na sala de exposicións de San Francisco e nese paseo van estar ubicadas as casetas. Haberá presentacións de todo tipo, de novela negra, de literatura de carácter gastronómico, ademais de actividades para os nenos e nenas, e tamén algún acto especial, vai clausurar a feira Cándido Pazó coa súa especial habilidade para contarnos historias de sempre".

O edil ribadense engadiu que "hai unha actuación especial que se vai desenvolver o sábado 30, pero de momento é unha sorpresa e temos que agardar. Ao longo desta semana xa se presentará formalmente porque é unha combinación de esforzos entre distintas administracións que deron lugar a unha actuación moi singular na que combinaremos música, literatura e a tradición galega e americana. Unha feira na que vai estar presente tamén a nosa gran festa de verán, o Ribadeo Indiano, de feito os días antes inaugurarase unha exposición na Sala de Turismo sobre o Ribadeo Indiano. Trátase de que entre todos, os distintos departamentos do Concello e os distintos ámbitos da sociedade, nos reforcemos mutuamente para promocionar unhas e outras festas, uns e outros actos que desenvolvemos ao longo do verán".

Farruco Graña declarou que "tamén van colaborar con esta feira do libro, como de costume, están as diferentes librerías que nos acompañan sempre, en concreto o Servizo de Publicacións da Deputación Provincial de Lugo, Librería Anticuaria Galgo, Portobello Market, Librería Vivín, Librería Gráficas Santiago, Librería Pícaros Mundi, Librería Bahía, e como stands que veñen doutras vilas e cidades, Librería Nobel, Editorial Canela, Editorial Embora e Editorial Bululú. Todos eles van encher de libros o noso parque, todo tipo de libros de todo tipo de xéneros cunha clara presenza do libro galego, pero aberta a todas as achegas tanto da literatura española, como asturiana e doutro orde. Ademais contamos coa colaboración do grupo de teatro da Pontenova que nos vai representar unha pasaxe de A horta das cerdeiras, que amenizará o comezo da feira do libro. A prologuista vai ser Marica Campo, veciña e amiga nosa da Terra Chá, de Vilalba, que vai dar lugar ao comezo da Feira do Libro".

O edil quixo "convidar a todos os que amen a literatura e as letras a achegarse ao parque de San Francisco para gozar da quinta edición da Feira do Libro de Ribadeo".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo