Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto entrega diplomas

DURANTE 6 MESES PARTICIPARON 15 ALUMNOS E ALUMNAS

Entrega de diplomas

07/06/2018

O salón de plenos do Concello acolleu este mediodía a entrega dos diplomas do obradoiro de emprego DOC–TIC desenvolto polo Concello de Ribadeo e co financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. DOC-TIC foi costeado nun 91,89% polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil para o período 2014-2020.

No acto estiveron presentes o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, xunto co alcalde do concello de Ribadeo, Fernando Súarez, a concelleira de Turismo, Desenvolvemento Local e Comercio, Ana María Martínez, e a xefa territorial de Economía, Emprego e Industria, Pilar Fernández.

Na quenda de intervencións Ana Martínez quixo "felicitarvos a todas ás alumnas, aos alumnos e ás profesoras deste obradoiro DOC-TIC. Facemos coincidir este acto nesta Semana Internacional dos Arquivos que se vai celebrar o día 9, o próximo sábado. Felicitarvos polo voso traballo porque estivemos durante seis meses compartindo aquí os pasillos e moitas horas de falar do traballo e de cómo o iades desenvolvendo". 

A concelleira de Desenvolvemento Local cre que "foi un traballo e un aproveitamento formativo importante pola vosa parte, e ademais a actividade que se desenvolveu neste obradoiro creo que lle vai permitir ao Concello de Ribadeo, como xa foi no caso anterior, a difusión do seu legado histórico, que é moi importante, quizais un dos máis importantes da provincia. Tamén ao mesmo tempo protexelo porque estivestes traballando en ordenar eses documentos que estaban no arquivo, entre outras moitas medidas e accións que nos vai permitir desde o Concello de Ribadeo o voso traballo. Desde logo a vos tamén adquirir unhas competencias formativas, que o obxectivo é que vos poidan ir abrindo portas no futuro laboral. Polo tanto parabéns, felicitacións e moitas grazas".

E o alcalde, Fernando Suárez, dixo que "grazas a este segundo obradoiro que tivemos a honra, o orgullo e o pracer de poder desenvolver en Ribadeo grazas a esta colaboración coa Xunta de Galicia. No obradoiro anterior dixen que fora a mellor experiencia que tivera en canto a obradoiros, dado que xa levamos varios anos por aquí e vimos de todo. Teño que dicir que este segundo obradoiro foille á zaga do primeiro, e foi marabilloso polo que eu vin, aínda que non estiven no día a día con vos, polo que preguntei e polo que me foron explicando. Teño que dicir que foi un obradoiro modélico, marabilloso desde o punto de vista tanto dos profesionais que impartiron as materias como dos alumno- traballadores no senso de traballar e de formarse. Agardamos que vos serva de aproveitamento". 

O concello de Ribadeo escolleu esta data  para a entrega destes diplomas porque se quere unir así á celebración do día internacional dos arquivos, que se será o día 9 de xuño e así  facer un chamamento á democratización da profesión arquivística e mellorar a percepción publica dos arquivos, e  qué mellor celebración que a posta en valor de todo o traballo desenvolto neste obradoiro DOC–TIC e o recoñecemento do traballo feito polas 18 persoas que  o conformaron, entre alumnado e profesorado.

No acto desenvolvido esta mañá no Concello presentáronse os resultados da actividade desenvolta ao logo dos 6 meses de formación práctica laboral dos 15 participantes nas dúas especialidades que se impartiron e que están incorporados á páxina web do Arquivo Municipal de Ribadeo; unha especialidade foi a de produción fotográfica e outra a de operacións de gravación e tratamento de datos e documentos. 

O traballo de ambas especialidades, evidenciase como moi importante para o arquivo ribadense, xa que a especialidade de produción fotográfica, integrada por 8 alumnxs, dixitalizou 86 libros de actas, o que supón a creación e tratamento de  máis de 21.500 arquivos. O traballo desenvolto pola segunda  especialidade traduciuse en números en 11.500 rexistros que corresponden a outros tantos expedientes e 1.400 caixas reinstaladas. 

Tamén é de salientar a creación de dúas seccións na paxina web especializada arquivo.ribadeo.org, unha denominada documentos destacables, reservada para por en valor documentos significativas da historia da vila e dos seus habitantes, e a chamada arquivo municipal e obradoiros de emprego na que se da a coñecer dun xeito moi visual os resultados da formación teórica e práctica que caracteriza aos obradoiros.

A participación de todos os implicados, Consellería de Economía, Emprego e Industria, Concello de Ribadeo e persoal do obradoiro, permitiu cumprir coas funcións primordiais dun arquivo público e as dun obradoiro de emprego, por un lado recoller, custodiar e difundir a información significativa para o enriquecemento da memoria colectiva  e por outro, a obtención de competencias profesionais que faciliten a inserción laboral.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo