Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Ribadeo de Tapeo

HABERÁ CANTOS DE TABERNA E SOBREMESAS MUSICAIS

XIII Ribadeo de Tapeo

09/05/2018

O XIII Ribadeo de Tapeo desenvolverase do 11 ao 20 de maio en 44 locais hostaleiros do municipio. Cociñeiros como Yayo Daporta, Gonzalo Pañeda e Lucía Freitas formarán parte do xurado profesional que elixirán as mellores tapas o 21 de maio. Será no hotel restaurante Voar e só concorrerán a esta cita os establecementos que o desexen. O público tamén elixirá a mellor tapa e a mellor barra entre os 44 que participan nesta cita gastronómica.

A concelleira de Turismo, Ana Martínez, lembrou que "hai trece anos o Ribadeo de Tapeo se presentaba como unha novidade na comarca, un concurso de tapas onde un gran número de establecementos do concello participaban neste evento. E hoxe xa é todo un clásico, está consolidado, e ademais foi provocando unha serie de reaccións, e outros lugares recolleron tamén este importante escaparate de presentación dos mellores produtos locais".

A edil nacionalista dixo que "este ano en Ribadeo celebramos o Ribadeo de Tapeo dende o 11 ao 20 de maio, e serán 44 os establecementos que van participar e que nos ofrecerán eses saborosos petiscos que levan, supoño case dende o ano anterior, preparando para presentarse ao concurso do Ribadeo de Tapeo. É unha nova entrega gastronómica, onde os nosos/as cociñeiros/as poñen o seu graíño de area ofrecendo barras máxicas sempre atarefadas, nas que se atopan amigos/as, familias e conversas que flúen entre produtos esenciais da gastronomía local".

Martínez explicou que "por segundo ano consecutivo, repetimos formato de selección dos premios do xurado profesional. Desta maneira concorrerán só os establecementos que o desexen. Para os que se presenten voluntariamente, a organización convocará a mostrar nun único local a súa tapa. Esta selección celebrarase o 21 de maio no Hotel Restaurante Voar, cun xurado profesional formado por cociñeiros/as e expertos/as gastronómicos con renome entre os que se inclúen Lucía Freitas, membro do Grupo Nove, seleccionada no 2016 como a segunda mellor cociñeira do ano en Alimentaria, arestora é a chef do restaurante A Tafona en Santiago de Compostela; Gonzalo Pañeda, un dos grandes da cociña asturiana e responsable dun dos mellores restaurantes de Xixón, Agua, que conta cunha estrela Michelín e é recoñecido con dous soles da Guía Repsol. Neste xurado tamén estará Yayo Daporta, membro do Grupo Nove, chef do seu restaurante Yayo Daporta que leva xunto á súa irmá Esther Daporta, conta cunha estrela Michelín e dous soles da Guía Repsol, en 2014 presentou xunto a Susi Díaz e Alberto Chicote o programa de televisión Top Chef. Completan este xurado Marcos Santamaría Somoza e Carlos Pérez Blanco, profesionais do IES Foz de hostalaría".

A edil ribadense sinalou que "o público tamén será participantes co seu voto, a través das tarxetiñas que se depositen nos establecementos decidirán a tapa gañadora entre o total dos establecementos que concorran, o mesmo que o premio á mellor barra. Os nosos larpeiros/as terán a posibilidade de gañar máis dunha trintena de premios entre os que se atopan ceas, menús degustación, cestas de produtos ecolóxicos, etc . O prezo será de 1,50 euros por petisco".

A concelleira de Turismo e Comercio seguiu a relatar que "de novo, volveremos a contar cos Cantos de Taberna, que este ano abrirá o evento este venres, 11 de maio, a partir das oito da tarde, e haberá 10 grupos participantes de varios puntos da contorna tanto galega como asturiana.Tamén un ano máis, este concurso de tapas será gastro accesible, é dicir unha decena de locais contarán con tapas aptas para celíacos e para vexetarianos. E co obxecto de garantir e asesorar aos participantes na presentación e elaboración de tapas sen glute, a organización colaborou coa Asociación de Celíacos de Galicia".

Ana Martínez engadiu que "amalgamas de sabores e aloxamentos con encanto mestúranse en Ribadeo para ofrecerche momentos inesquecibles. Así, Soños gastronómicos volve a estar presente neste evento gastronómico, e 9 dos nosos aloxamentos ofrecerán importantes descontos nas pernoctas para converter esta cita culinaria nunha ocasión ideal para coñecer Ribadeo, e poder gozar dunha boa escapada gastronómica. Entre bocado e bocado, en colaboración coa Concellería de Cultura, poderemos gozar das nosas Sobremesas Culturais, que veñen cargadiñas de actividades. Contaremos con teatro para as/os máis pequenas/as, roteiros guiados polo Monumento Natural As Catedrais, concertos como o de Miro Casabella e o da Banda de Música Municipal que renden homenaxe ao Día das Letras Galegas. Tamén por primeira vez o 16 de maio, contaremos cunha GastroXincana, un xogo por equipos onde a diversión está asegurada, probas de habilidade e coñecemento conxugaranse nun cóctel perfecto". 

A responsable de Turismo no Concello de Ribadeo indicou que "como en edicións anteriores, a celebración do concurso darase a coñecer nos medios de comunicación con campañas publicitarias, carteis e folletos, a través da web http://tapeo.ribadeo.gal e da aplicación móbil RibadeoGastronómico ou Ribadeo de Tapeo, e a maiores este concurso estará integrado noutra aplicación que recolle os principais concursos gastronómicos de Galicia Quedamos de Tapas. Durante varios días, contaremos coa colaboración da Fundación Tic para darlle unha maior difusión ao evento".

Ana Martínez aproveitou a ocasión "para agradecer á hostalería de Ribadeo pola súa participación no concurso, porque sen eles sería imposible facer tal evento, así como os agasallos que doaron para os premios que se repartirán entre o publico premiado. Tamén o noso agradecemento aos praceiros pola súa colaboración e ao Hotel Restaurante O Voar pola súa dispoñibilidade como establecemento colaborador non participante. Durante este décimo terceiro Ribadeo de Tapeo temos como obxectivo por en relevo o papel das tapas como elemento diferencial da nosa gastronomía, así que vos animamos a participar neste xogo de sabores".

O XIII Ribadeo de Tapeo foi presentado polo alcalde, Fernando Suárez, e polos concelleiros de Cultura e Turismo, Farruco Graña e Ana Martínez.

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo