Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

SERÁ POR UN PRAZO DE TRES ANOS

Q de Calidade Turística

14/03/2018

O Concello de Ribadeo convoca procedemento aberto para proceder á contratación de servizos de auditoría internas e externas da Q de calidade turística das praias de As Catedrais e Os Castros-As Illas. A data límite de presentación de ofertas é 15 días naturais dende a publicación do anuncio no BOP de Lugo, que foi o pasado 5 de marzo.

Estas praias, As Catedrais e Os Castros-As Illas contan dende hai anos coa Bandeira Azul, coa ISO 14.001, co Regulamento EMAS e coa Q de Calidade Turística. A Bandeira Azul é un galardón que non lle repercute a este Concello un custe económico máis aló das actuacións que puntualmente se deben acometer para adaptarse ás esixencias de ADEAC, mentres que as certificacións medio ambientais de 14.0001 e EMAS veñen sendo sufragadas pola Deputación de Lugo, nun sistema integrado coa Q de Calidade Turística, a cal asume totalmente o Concello de Ribadeo con fondos propios.

A Q de Calidade Turística é unha marca de recoñecido prestixio dirixida á certificación voluntaria dos servizos turísticos. Este recoñecemento obtense cando se evidencia o cumprimento dos requisitos técnicos que a norma correspondente marca. 

Dende a Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo sinalan que "á hora de contar coa certificación de Q de Calidade Turística débense pasar unha serie de auditorías todos os anos. Por unha banda estarían as auditorías internas, que as debe realizar unha persoa independente do sistema implantado, que posúa os coñecementos oportunos na materia. Resultando que no Concello de Ribadeo non existe un traballador que cumpra con estes requisitos, é necesario que as auditorías internas as execute unha empresa externa especializada, á cal, aproveitando esta circunstancia, se lle pode contratar tamén apoiar as labores do Responsable do Sistema nas normais tarefas de mantemento da Q de Calidade. Por outro lado estarían as auditorías externas, as propias da certificación, que se dividen en renovación e seguimento, polo que se trata de ciclos de tres anos, debendo ser realizadas por entidades recoñecidas polo ICTE".

A  Área de Medio Ambiente do Concello de Ribadeo lembra que "na anualidade de 2017 finalizan os contratos asinados en 2015 para a realización de auditorías internas coa empresa ECINOR e externas con AENOR, polo que se fai necesario iniciar un novo procedemento de contratación por un ciclo de 3 anos, que se realiza por lotes. O Lote 1: consultaría e auditorías internas e Lote 2: auditorías externas. O orzamento para o Lote 1 é de 3.600 euros e para o Lote 2 de 9.400 euros". 

E engaden que "poderá esixirse á empresa adxudicataria do Lote 1 posibles responsabilidades derivadas da necesidade de someterse a auditorías externas extraordinarias da Q de Calidade ou outras circunstancias prexudiciais que se deriven dunha mala execución das tarefas de consultaría, asesoramento ao Responsable do Sistema ou auditorías internas". 

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo