Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto axuda no fogar

BARCIA E MEILÁN VISITARON A UN USUARIO DO SAF

Axuda no fogar a dependentes

09/03/2018

O Concello ven de dar a coñecer o anuncio para a adxudicación do contrato de prestación do servizo de axuda no fogar na modalidade de dependencia. O importe é de 1.670.000 euros e as empresas dispoñen de 52 días (a contar dende a publicación deste anuncio no Diario Oficial da Unión Europea, que foi o 5 de marzo) para presentar as súas ofertas. Serán prestadas un total de 31.964 horas de atención a 50 ou 60 usuarios dependentes, segundo adiantou esta mañá a concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán.

A edil ribadense anunciou que "acaba de saír a oferta pública do contrato de prestación de servizo de axuda no fogar na modalidade de dependencia. Debido á cantidade da oferta non só se publica no BOE e no BOP senón que tamén se publica no Boletín Oficial da Unión Europea. O valor estimado do contrato é de 1.670.000 euros, e a data límite para presentar as ofertas son 52 días contados a partires do 5 de marzo do 2018".

Sonia Meilán explicou que "a oferta é para cubrir 31.964 horas anuais, que darían servizo máis ou menos entre 50 ou 60 usuarios, dependendo do grao de dependencia que teñan. Canto máis dependente máis horas se lle darían, e entón variaría o número de usuarios".

A concelleira de Servizos Sociosanitarios salientou que "o servizo consiste na atención a domicilio das persoas dependentes, pero as empresas poden obter máis puntuación presentando servizos adicionais que melloren a calidade deste, como por exemplo o servizo de fisioterapia, perruquería, podoloxía, etc…, a domicilio. Terá tamén en conta a prestación dunha bolsa de horas gratuítas que nos cede a empresa, e valorarase o prezo de hora do servizo".

Sonia Meilán engadiu que "a nosa intención non é só dar unha excelente calidade no servizo que se presta aos usuarios e usuarias, senón ademais outro tipo de prestacións importantes, para moitas persoas que non poden saír das súas casas e non poden acceder á perruquería, á podoloxía ou á fisioterapia, entre outros".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo