Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Concello

O CONCELLO ACTUOU DEBIDO AO RISCO PARA A SAÚDE DAS PERSOAS

Vertidos ao río Grande

28/02/2018

Hoxe coñeceuse que a Fiscalía denuncia á Cooperativa Os Irmandiños por un presunto delito contra os recursos naturais. O alcalde, Fernando Suárez, lembrou que durante 4 anos se dirixiu sen éxito a Augas de Galicia, a Saúde Pública, á Confederación Hidrográfica do Cantábrico, ao Concello de Barreiros e á mesma cooperativa para que adoptasen as medidas necesarias de cara a evitar os vertidos contaminantes que chegaron ao río Grande e ao embalse de Lexoso.

 O rexedor explicou que "desde este equipo de goberno durante máis de catro anos estivemos a insistir diante de Augas de Galicia, que depende da Consellería de Medio Ambiente, diante de Saúde Pública, que depende da Consellería de Sanidade, diante da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, que depende do Ministerio de Medio Ambiente, diante do Seprona, diante do Concello de Barreiros, diante da propia Cooperativa Os Irmandiños, para que se adoptasen medidas porque isto se estaba prolongando. E ninguén, absolutamente ninguén fixo nada".

Fernando Suárez subliñou que "ante a desidia e a falta de acción de Augas de Galicia, de Sanidade, da Confederación Hidrográfica, do Concello de Barreiros e dos Irmandiños non quedou máis remedio por parte do Concello de Ribadeo, que por consello dos técnicos municipais acudimos á Fiscalía para poñer no seu coñecemento esta situación, que entendíamos de grave desamparo. Isto estaba chegando a un punto de poñer en risco a saúde dos veciños e das veciñas deste concello".

O alcalde dixo: "a partir de agora non teño máis que dicir, mais que agradecer que se poña en marcha todo isto, que a xustiza traballe, pregunte e faga o que teña que facer e colaborar con ela. Quero dicir tamén que a nosoutros non nos gusta utilizar estes medios, pero non quedou máis remedio que facelo así". 

Suárez Barcia engadiu: "eu sei que esta Cooperativa é moi importante para Ribadeo e para a comarca, pero por enriba de todo isto é moito máis importante a saúde dos veciños e das veciñas deste concello. E insisto en que diante do grave desamparo no que nos sentimos durante varios anos, nos que comunicamos documentalmente en tempo e forma a todas estas autoridades públicas da Xunta e do Ministerio, e ninguén de todas elas fixo nada".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo