Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto novo viario

O ASUNTO DEBATERASE EN PLENO EXTRAORDINARIO ESTE MARTES

Novo viario

18/12/2017

O Concello traballa na redacción dun novo proxecto para a creación dun viario que comunicará a rotonda da A-8 en Vilaselán coa avenida Rafael Fernández Cardoso. Este asunto conta co apoio de todos os grupos políticos. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que o obxectivo é aprobalo e sometelo a información pública.

O rexedor ribadense manifestou: "cabe destacar unha vez máis a importancia de que un Concello poida ter un plan xeral de ordenación municipal vixente de acordo coas leis estatais e autonómicas, e de aí que estamos desenvolvendo pasiño a pasiño, aspectos fundamentais para o futuro de Ribadeo, non para o futuro dentro de trinta anos senón para o futuro máis ou menos inmediato". 

Fernando Suárez declarou que "levamos máis dun ano traballando na redacción dun proxecto de creación dun novo viario en Ribadeo que comunicará a rotonda da A-8 en Vilaselán coa avenida Rafael Fernández Cardoso. Será a través dun novo viario e cunha nova rotonda a situar xusto a carón da antiga estación do tren mineiro".

O alcalde comentou que "é un proxecto que deberían desenvolver os propietarios desa bolsa de solo, que son dúas categorías de solo por unha banda solo non consolidado e pola outra solo urbanizable. Pero o Concello quere anticipar a execución deste viario, deste sistema xeral básico, por interese público. Isto é así porque quizais os propietarios desas bolsas de solo non teñan interese nestes anos actuais ou nos vindeiros. De aí que o Concello, por interese público, pode subrogarse esa obriga, e pode iniciar a execución ou executar o viario, sen prexuízo de que o que poida investir o Concello, hai que ter en conta que a obra se aproxima aos 500.000 euros e a previsión de expropiacións aos 200.000 euros, sexa posteriormente reintegrado ao Concello polos propietarios deses dous polígonos urbanísticos". O orzamento total (licitación, expropiacións, seguimento e control ambiental e IVE) ascende a 764.000 euros. 

Suárez Barcia explicou que "isto foi tratado a semana pasada nunha comisión informativa, que teño que dicir que contou co apoio unánime de todos os grupos da Corporación, o cal é boa cousa porque o urbanismo en Ribadeo sempre o tratamos de maneira unánime entre todos, e aí está amosando día a día toda esa potencia. Nas Catedrais, para o conxunto histórico e para diferentes solos que antes estaban sen uso e que se lles pode dar un uso racional e con beneficio para o interese xeral".

O rexedor engadiu que "queremos agora aprobar inicialmente este proxecto, sometelo a información pública para que todo o mundo, os cidadáns en xeral e os posibles propietarios en particular, poidan ver de primeira man cal é a nosa pretensión, poidan alegar o que estimen conveniente, para que poidan incluso anticipar os terreos afectados ao Concello, a fin de que no seu momento no reparto de cargas e beneficios xa teñan saldado todo isto".

Fernando Suárez subliñou que "queremos sobre todo dar unha participación pública porque me parece moi importante para o futuro de Ribadeo, pero para o futuro inmediato nestes anos vindeiros, a posibilidade de que alguén desde autovía poida acceder a Ribadeo sen ter que usar sempre necesariamente a avenida da Ría de Ribadeo, que é o único enlace practicamente que temos da autovía. É importante que Ribadeo poida ter polo tanto estes dous enlaces, estes dous accesos, e ao mesmo tempo desenvolver unha zona que a día de hoxe está bastante esquecida, no que ten que ver coa traseira da estación vella do tren mineiro de Ribadeo a Vilaodriz".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo