Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto programa Nadal

ANA MARTÍNEZ ANIMA A ACHEGARSE A RIBADEO ESTES DÍAS

Abre o Mercado de Nadal

05/12/2017

O Mercado de Nadal de Ribadeo abre as súas portas mañá, 6 de decembro, no parque de San Francisco. Nas 25 casetas instaladas poderán atoparse produtos alimenticios e manufacturados cun elemento en común, o arte do feito a man. Haberá queixos, embutidos, doces, instrumentos musicais, cerámica e xoiería, todo co obxectivo de dinamizar o comercio e a hostalería de Ribadeo durante esta longa ponte festiva.

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo, Ana Martínez, declarou que "un ano máis, coa chegada desta ponte de decembro Ribadeo abre a porta ás festas navideñas co xa tradicional Mercado de Nadal, que de novo estará situado no parque San Francisco, e será desde mañá, día 6, ata o domingo, 10 de decembro. O horario de apertura será dende as once da mañá ata as dúas da tarde, e pola tarde desde as cinco ata as nove".

A edil ribadense salientou que "normalmente neste Mercado de Nadal non soamente podemos disfrutar, que tamén, e mercar os produtos que nos presentan as artesás e os artesáns que van estar nas diferentes casetas, 25 en total, con temáticas ben distintas tanto de comida como de artesanía, roupa e instrumentos musicais. Creo que como todos os anos moi diverso e coa posibilidade de comprar agasallos para todos os gustos. Tamén se ven a disfrutar e a participar de música e diferentes actividades para os máis pequenos. Así durante esta edición teremos actividades artesanais con oficios de diferentes produtos como é o caso dun taller de reciclaxe para nenos con refugallos do mar e teremos outro, como é normal nestas datas, de elaboración de adornos navideños".

Martínez dixo que "ademais disfrutaremos de música, pasarrúas e concertos como o que terá lugar o día 7 ás sete da tarde no quiosco da música, e o día 8 a esa mesma hora teremos outra actuación. O domingo á hora do vermú, poderemos disfrutar tamén cun concertiño no quiosco da música sempre e cando o tempo acompañe".

A concelleira de Desenvolvemento Local e Turismo comentou que "nesta edición do mercado tamén colaboran Amigos da Gaita, que organizan o sábado unha foliada e un magosto preto do mercado. Outros, que son xa asiduos colaboradores deste mercado e que ademais nos permiten disfrutar do seu traballo en directo, e ver tamén o traballo que van facendo durante todo o ano dun xeito artesanal, son os Amigos da Madeira de Ribadeo que terán un stand na antiga oficina de turismo e poderemos pasar por alí a disfrutar co traballo que eles fan".

Ana Martínez convida "a todos os veciños e veciñas tanto da Mariña lucense como do Occidente de Asturias a que se acheguen a Ribadeo durante esta ponte, a que se acheguen a vivir con nós este mercado navideño e desde logo tamén a mercar no resto do comercio local. Non soamente estarán dispostas as casetas do mercado, senón que todo o noso comercio estará tamén aberto para que a xente poida vir aquí a facer as súas compras navideñas". 

E engadiu: "ao mesmo tempo quero convidar aos visitantes que se acheguen a disfrutar deste mercado e a informarse sen ningún tipo de problema na Oficina de Turismo que teremos un horario especial para atender aos que se achegan dende máis lonxe e queren coñecer o noso territorio. Poderán recibir información durante todos os días da ponte en horario normal dende as dez da mañá ata as dúas da tarde, e pola tarde dende as catro ata as sete".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo