Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto pista xeo

ABRIRÁ EN HORARIO DE 12 A 14 HORAS E DE 17 A 22 HORAS

Pista de xeo natural

01/12/2017

A pista de xeo de tamaño XL volverá a Ribadeo un ano máis, e estará instalada no parque de San Francisco do 15 de decembro ao 7 de xaneiro. O prezo da entrada xeral será de 6 euros, aínda que aquelas persoas que consuman máis de 20 euros na hostalería e no comercio locais só pagarán 3 euros presentando os tíckets correspondentes. A novidade deste ano é que para os grupos escolares da comarca, de máis de 10 persoas, establécese un prezo por entrada de 4 euros.

Esta mañá tiña lugar a presentación desta actividade organizada polo Concello de Ribadeo e Acisa. No acto participaron o alcalde, Fernando Suárez, a concelleira de Mocidade, Vanesa Yanes, o presidente de Acisa, David Martínez, e o xerente desta asociación, Jesús Pérez. 

O rexedor manifestou que "hai que aproveitar o frío e o Nadal para que Ribadeo se encha de xente, nova e non tan nova, que todos veñan a Ribadeo a mercar, a facer as compras para o Nadal, a pasalo ben, a disfrutar, e ademais a patinar sobre xeo outro ano máis, e xa é o terceiro".

O alcalde salientou que "xa somos un referente consolidado non vou dicir na Mariña, vou dicir en Galicia e nunha parte de Asturias importante tamén, que acaban vindo a Ribadeo coa xente máis nova aproveitando esta pista de xeo que imos ter montada durante moitos días, desde o 15 de Nadal ata o 7 de xaneiro, en horarios partidos de doce da mañá a dúas da tarde, e de cinco da tarde a dez da noite".

Fernando Suárez informou de que "o custo da entrada é o mesmo que estes anos, 6 euros para a entrada xeral e 3 euros para todas aquelas persoas que compran no comercio local, nos establecementos asociados ao Centro Comercial Aberto de Ribadeo cun mínimo de 20 euros. Todas aquelas persoas que compren cun mínimo de 20 euros, o establecemento daralles un vale que poden canxear na pista de xeo pagando a metade".

O rexedor engadiu que "este ano temos unha novidade atendendo a un certo mercado que tíñamos e que non estábamos utilizando, que van ser uns prezos escolares para moitos nenos de diferentes colexios de toda a comarca que levan tempo suxeríndonos, establecemos unha nova tarifa de 4 euros para un mínimo de dez persoas. Os que veñen en grupos escolares, que moitas veces acaban vindo en horario de mañá cando temos menos actividade, por un prezo de 4 euros poden patinar durante o período que está establecido para o resto".

Pola súa banda o presidente de Acisa, David Martínez, dixo que "é unha iniciativa conxunta máis de Acisa co Concello da que estamos moi orgullosos como de todas as iniciativas que temos ao longo do ano, para disfrutar, pasalo ben, para traer xente a Ribadeo que merque e deixe os seus cartos neste sector produtivo básico como son os servizos e o comercio do noso concello".

Martínez resaltou que "é unha época importante para Ribadeo, para os comerciantes e hostaleiros de Ribadeo, e cremos que este é un aliciente máis para que a xente veña aquí. Pode patinar na pista de xeo e pode mercar en todos os negocios que temos asociados. Temos de todo, pódese dicir que temos un pequeno-gran centro comercial, e ademais a hostalería tan famosa de Ribadeo coa súa alimentación, fai que nestas datas sempre sexa importante vir".

O presidente de Acisa anima "a todos os foráneos e ribadenses a disfrutar da pista de xeo. Este ano é tamaño XL como o anterior, é a terceira edición, e creemos que é un aliciente moi bo para todos".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo