Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

ESA FIN DE SEMANA HABERÁ OUTRAS ACTIVIDADES EN RIBADEO

Festival suspendido

09/08/2017

A Concellaría de Cultura comunica a suspensión do festival Zona Vella de Ribadeo, que estaba previsto celebrar do 23 ao 27 deste mes de agosto. Farruco Graña sinala que a causa desta suspensión é que os organizadores non acadaron os suficientes apoios entre a empresa privada. E agarda que para vindeiros anos a iniciativa teña máis éxito, á vez que subliña que dende o Concello se aportou colaboración tanto económica como loxística para a celebración deste evento.

O edil nacionalista manifestou que "desde o Concello de Ribadeo queremos comunicar que o festival Zona Vella Ribadeo, que estaba previsto celebrar entre os días 23 e 27 de agosto, vai ser suspendido posto que as persoas e a entidade organizadora non foron quen de acadar o suficiente apoio de empresas privadas para sacalo adiante".

Farruco Graña asegurou que "desde o primeiro momento á Concellaría de Cultura pareceulle unha aposta interesante, algo distinto, algo que podería dinamizar enormemente á zona vella de Ribadeo durante eses días, e comprometémonos desde o principio cunha achega tanto económica como, sobre todo, de apoio loxístico para desenvolver este festival. Pero desde o mundo da empresa privada non foi posible materializar unha esponsorización potente para sacar adiante este proxecto tan ambicioso, co cal queda adiada a celebración deste festival".

O concelleiro ribadense agarda que "para anos vindeiros poida ter máis éxito, pero de tódolos xeitos tamén queremos destacar desde o Concello de Ribadeo que estamos dispostos a esforzarnos, a arriscar pero desde logo dentro dunha xusta medida. No caso de que non se materializara dito proxecto nós declinamos toda responsabilidade porque desde a nosa parte puxemos e fixemos todo o posible".

Farruco Graña salientou que "en todo caso nesa fin de semana vai haber actividade suficiente igual para pasalo ben, tanto as persoas que vivimos aquí todo do ano e que estamos de lecer durante o verán, como as persoas que nos visitan. O venres 25, temos o concerto de bandas sonoras por parte da Banda Municipal de Música de Ribadeo. E o sábado, día 26, as amigas e amigos da comisión de Antroido están a preparar unha sorpresa especial, vai ser un guateque singular no que moitos e moitas de nós poderemos retrotraernos aos anos mozos, lembrar aquel primeiro bico que demos no verán nos guateques e que, desde logo, deixounos un sabor e unha lembranza moi especial. Para a xente nova está ben coñecer e saber como os seus avós e os seus pais celebraban os seus guateques, que todo é bo aprender".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo