Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

O REXEDOR DIXO: "RIBADEO XA NON QUERE MÁIS ESCUSAS"

Subministro eléctrico

16/06/2017

O alcalde, Fernando Suárez, critica as continuas incidencias que se producen no subministro eléctrico en Ribadeo e demanda que Viesgo e Begasa melloren os transformadores así como o cableado máis vello. Despois da explosión rexistrada onte nun transformador en pleno centro da vila, o rexedor ribadense agarda que a posta en marcha da subestación eléctrica proxectada poña fin aos problemas que sofren a cotío @s ribadenses.

Suárez Barcia referiuse "a esta explosión dun transformador que deixou onte sen luz a unha parte da vila, temos que dicir que ben por unha cousa ou ben pola outra, ben por un transformador que estoupa ou ben porque hai un mes foi polo vento do nordés que traía salitre e que provocaba corto circuítos nos mecanismos eléctricos que tamén causaban avarías etc…, en Ribadeo temos un problema desde hai moito tempo co subministro eléctrico".

O rexedor dixo que "se ben o de onte puido ser fortuíto o acontecido e pode pasar en Ribadeo ou en calquera outro sitio, pero xa van non sei cantas nestes anos e a xente de aquí de Ribadeo xa non quere máis escusas".

O alcalde explicou que "polo que sempre nos levan dito os responsables de Viesgo e de Begasa a solución á maioría dos problemas estaría na posta en funcionamento da subestación eléctrica proxectada e que estivo estes últimos anos paralizada a súa construción por cuestións de litixios xurídicos. Agora unha vez salvadas estas controversias confiamos en que se executen as obras nos prazos marcados, e que a finais deste ano poida estar operativa dunha vez por todas esta subestación eléctrica gañando así Ribadeo tanto en potencia enerxética como en múltiple capacidade de subministro eléctrico por si se producen incidencias. Isto é importante e esperemos que sexa así".

Fernando Suárez subliñou que "tamén é necesario que Begasa e Viesgo, a súa propietaria maioritaria, modernicen este sistema de transformadores que teñen en varios puntos da vila para evitar colapsos como o de onte. Ademais que vaian substituíndo o cableado máis vello, que o teñen, e tamén que vaian soterrando todo o que teñen pendente dos cableados aéreos que desde hai anos o Concello en todas as rúas que estivo amañando, deixou os tubos para que agora Begasa poida ir soterrando, tanto Begasa como Telefónica, pero neste caso estoume referindo á compañía eléctrica".

O rexedor recalcou que "é o que lles estou transmitindo que deberán facer sen máis demora, e penso que hoxe, polo que pasou onte precisamente, máis que nunca é o que os veciños e as veciñas de Ribadeo merecemos".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo