Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Rinlo

PARA CONCIENCIAR SOBRE O RESPECTO AO PLANETA

Limpeza de praias

15/06/2017

A Concellería de Sostibilidade e Medio Mariño organiza unhas xornadas de limpeza de praias cos alumnos dos colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón. A edil Paz Ermida, acompañada do técnico de Medio Ambiente, Jaime Pérez, presentaba nos centros de ensino estas actividades que se desenvolverán os días 19 e 21 deste mes de xuño.

Ermida anunciaba que "imos levar a cabo estas actividades cos colexios, tanto co Sagrado Corazón como co Gregorio Sanz, en distintos días, relacionado coa limpeza de praias e de ríos nestes casos".

A concelleira de Sostibilidade e Medio Mariño explicaba que "acompañaremos aos alumnos os días 19 e 21 a facer unha limpeza nun dos casos do río que desemboca en Rinlo, e noutro caso acompañarémolos ata a praia das Catedrais para que vexan un pouco cómo debemos coidar o noso entorno e cómo debemos mantelo limpo durante todo o ano e non só agora na tempada estival".

Paz Ermida subliñaba que "estas actividades están incluídas dentro do que vimos desenrolando cos colexios tamén nas distintas áreas do Concello. Neste caso tócanos medio ambiente e parécenos fundamental levar a cabo este tipo de xornadas precisamente cos máis pequenos, que son os que se empapan e os que logo saben transmitir nas súas casas e coas súas amizades a importancia que ten e o respecto que merece o noso planeta".

A edil relatou que "imos contar coa colaboración de Óscar García, de Coge3, que é un coñecido voluntario de aquí de Ribadeo que decidiu de maneira totalmente voluntaria e gratuíta participar con nosoutros, estar acompañando aos cativos e ás cativas nesta actividade e estamos ben seguros de que van gozar dunha xornada moi entretida para eles e moi educativa tamén, que é do que se trata".

O 19 de xuño 40 rapaces e rapazas do colexio Sagrado Corazón sairán ás 11 da mañá do centro para dirixirse ata a desembocadura do río San Xulián, en Rinlo, "onde se fará unha limpeza dese entorno, para despois ir camiñando ata a praia de Xuncos, desde onde volverán ao colexio cara as dúas da tarde". E xa o día 21 o alumnado do Gregorio Sanz partirá do colexio ás 10 da mañá para ir ata a praia das Catedrais, "onde se desenvolverá a primeira parte da actividade, e despois ao cabo de hora e media retornaremos ao centro, onde asistirán a unha charla temática ambiental. Arredor de 100 rapaces/as participarán na limpeza do emblemático areal".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo