Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

MARILUZ ÁLVAREZ LASTRA PRESENTÓUNA HOXE

Intensa axenda cultural para o verán

10/07/2009

A Concellaría de Cultura presenta unha axenda variopinta para este verán. Unha das novidades será a visita da Caixiña de Mistos para os máis pequenos que se enmarca dentro do Festival On Off reconvertido en Festivalón.

A concelleira de Cultura, Mariluz Álvarez Lastra, presentou esta mañá a axenda cultural prevista para os meses de verán e afirmou que "nestas datas o que pretendemos é acercar a cultura á rúa, polo tanto tódalas actividades de pequeno formato que presentamos terán como obxectivo animar as nosas rúas e deleitar á xente da vila e aos visitantes".

A edil explicou que "en canto a cursos e xornadas o próximo será o curso sobre o Marqués de Sargadelos que terá lugar en Ribadeo o próximo mércores día 15 a partires das 9.30 da mañá no auditorio Hernán Naval e ao que poden acudir tódalas persoas interesadas sen necesidade de estar matriculadas, na seguinte semana imos ter o Curso de Agroecoloxía que organiza a USC e que se levará a cabo no Auditorio Hernán Naval, seguido das Xornadas de Historia Local que, como cada ano, prepara a Asociación Francisco Lanza e que nesta ocasión estarán adicadas á cultura castrexa do noso municipio. Xa en agosto, a Consellería de Medio Ambiente organiza sete días adicados á astronomía na Casa da Ría e por último, en setembro, dende a Área de Educación, celebrarase o III Curso sobre educación infantil na Mariña".

Álvarez Lastra sinalou que "en canto á música, ademais dos concertos da Banda Municipal de Música e do Festival de Habaneras e Música Hispanoamericana, neste mes de xullo a Escola Municipal de Música e Danza ofrece as I Xornadas Músico-culturais e tamén se levará a cabo o Festival Internacional de Música Clásica  organizado por Leopoldo Erice, o Concello e a Fundación Caixa Galicia". A concelleira nacionalista engadiu que "haberá dous concertos dos grupos de música antiga e de cámara Acorde de Porto e Arco Vento de Ribadeo na Capela da Terceira Orde, repetirase no mes de agosto a Mostra Folklórica Internacional e acabaremos con dous concertos, o primeiro deles celebrarase o día antes da Xira de Santa co grupo de jazz Lucía Martínez Cuarteto e uns días antes das festas patronais actuarán os grupos de música de Ribadeo".

A responsable de Cultura explicou que "para os máis pequenos haberá na rúa monicreques con Títeres Trompicallo, maxia cos magos Dani e Martín, un espectáculo de novo circo coa compañía Pablo Trasno, sesións de contacontos e un concerto do grupo Migallas, ademáis o venres 4 de setembro o mago Antón ofrecerá a súa función patrocinada pola Área de Cultura da Deputación de Lugo". Mariluz Álvarez Lastra anunciou que "tamén haberá espazo para o teatro, actuará no Cine Teatro o grupo Axóuxeres de Foz, en setembro teremos unha nova edición da mostra Daniel Cortezón e a Aula Municipal de Teatro acollerá O Aturuxo de Melpómene e Trécola".

A edil ribadense falou tamén do mundo da curtametraxe xa que "estará con nós o Festival On Off reconvertido en Festivalón e a Caixiña de Mistos, unha proposta que está a recorrer toda Galiza para que grupos de nenos e nenas poidan ver curtas para público infantil". Mariluz Álvarez Lastra ademais dixo que "o forte de San Damián acollerá a mostra de gravado de artistas lucenses Incisións cedida polo Museo Provincial de Lugo e a partires de mediados de agosto Rinlo será protagonista da mostra fotográfica de F. Fernández Páez como encargo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. A OMIC será tamén escenario de fotos de veciños ribadenses, de Mariano Pérez, das mulleres que asistiron ao curso de fotografía que organizou o CIM e as recollidas polo Museo do Mar correspondentes á serie Memoria do Mar".

A concelleira de Cultura comentou que "as actividades son moitas e iremos dando cumprida información de cada unha delas pero todos os interesados poden acudir ao concello e alí entregaremos, a partires da semana que vén, en calquera das entidades sociais a axenda cultural e tamén atoparán a programación nos paneis informativos ou chamando á oficina de cultura do concello".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo