Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto estrada porto cortada

COLABORACIÓN ABSOLUTA CO CONCELLO CON PORTOS DE GALICIA

Estrada no porto

24/05/2017

Seguirá cortada ao tráfico por seguridade a estrada do porto comercial de Ribadeo na que se rexistrou un derrube de terra hai uns días.

O alcalde, Fernando Suárez, visitou hoxe co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, a estrada que permanece cortada desde hai uns días tras rexistrarse un derrube de terra e pedras. Ese viario, situado no porto comercial de Ribadeo, aínda seguirá pechado ao tráfico ata que rematen as obras que alí se están a realizar.

O rexedor explicou que "esta visita de hoxe do presidente de Portos, que valoramos positivamente, foi para supervisar este desprendemento que caeu hai uns días e polo que temos esta parte baixa de Ribadeo, do casco vello, incomunicada".

Fernando Suárez dixo que "entendemos, segundo os técnicos de Portos de Galicia, que teña que seguir así durante uns días máis, en tanto non se poña unha especie de valado de tripla torsión, uns valos metálicos. Ao mesmo tempo hai que eliminar unhas árbores que poden nun futuro inmediato ou non, non se sabe, pero por se acaso por unha cuestión precautoria hai que eliminalas".

O alcalde subliñou: "a nosa comprensión é total nisto. A nosa colaboración é absoluta. Esperemos que canto antes se poida abrir á circulación e ao tráfico de vehículos todo este viario do paseo marítimo. Pero mentres tanto por unha cuestión de seguridade, sentíndoo moito, entendemos, comprendemos e asumimos tamén o que nos suxire Portos de Galicia".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo