Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

A ENTIDADE NON CONTESTOU AOS ESCRITOS ENVIADOS HAI MESES

Faro da Illa Pancha

22/05/2017

O Concello pídelle á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao a revisión da concesión para uso hostaleiro do Faro da Illa Pancha.

O Concello ven de pedirlle á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao a revisión de oficio do seu acto de concesión administrativa para instalación de uso hostaleiro no faro da Illa Pancha. O alcalde, Fernando Suárez, manifesta que esta decisión prodúcese a raíz dos pronunciamentos do Defensor del Pueblo nos que advertía de graves irregularidades na tramitación dese expediente por parte da Autoridade Portuaria. 

O rexedor explicou que "acabamos de instar formalmente á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao para que proceda á revisión de oficio do seu acto de concesión administrativa para instalación de uso hostaleiro no faro da Illa Pancha. A Autoridade Portuaria é o organismo dependente do Ministerio de Fomento e é titular da Illa Pancha e responsable tamén da concesión administrativa outorgada no seu momento a unha empresa para a conversión dun edificio que está enclavado nunha parte da illa, o antigo faro, como uso hoteleiro".

Suárez Barcia sinalou que "esta decisión que acabamos de adoptar transcende desde o punto de vista administrativo, e ben dada a raíz dos pronunciamentos de hai meses do Defensor del Pueblo, e dos que tivo coñecemento este Concello, nos que advertía de graves irregularidades na tramitación dese expediente por parte precisamente da Autoridade Portuaria, fundamentalmente sinalando a omisión do trámite medioambiental".

O alcalde subliñou que "despois de que en dúas ocasións este Concello se dirixira formalmente á Autoridade Portuaria, concretamente o 22 de febreiro pasado e reiteramos un escrito o 29 de marzo, para pedirlle que aclararase esas supostas graves deficiencias de tramitación, e non tendo a día de hoxe resposta formal de ningún tipo pola súa parte, algo que nos parece inconcebible desde o punto de vista ético e legal, sobre todo".

Fernando Suárez indicou que "por todo isto debemos considerar que efectivamente o que manifestou o Defensor del Pueblo debe considerarse correcto. Polo que, aplicando formalmente un precepto da lei de procedemento administrativo, queremos instar á Autoridade Portuaria para que proceda á revisión de oficio por nulidade de pleno dereito na tramitación deste acto administrativo de concesión".

O alcalde ribadense engadiu que "agora eles estarán obrigados a comunicarnos a resolución que vaian adoptar, toda vez que desde o Concello queremos garantir a legalidade e a seguridade xurídica de todas as actuacións da administración e particularmente as que adopta o Concello de Ribadeo, co fin exclusivo de evitar, se fora o caso, prexuízos de imposible ou difícil reparación, como ben puideran ser as responsabilidades patrimoniais".

Documentación

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo