Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Irina Bailarina

GHAZAFELHOS CHEGA ÁS 17:30 HORAS AO CINE TEATRO

Iriña bailarina

15/03/2017

O concelleiro de Cultura, Farruco Graña, participará este venres, 17 de marzo, en Nigrán nun acto de integración de novos concellos no programa Apego do que forma parte o concello ribadense. Farruco Graña invita a todos os concellos da Mariña a sumarse a esta iniciativa para potenciar o uso do galego entre os máis novos desde o núcleo familiar. E anima a participar nunha actividade o domingo, 19 de marzo, destinada aos mais pequenos e enmarcada neste preoxecto

Respecto á actividade cultural durante esta fin de semana en Ribadeo, Farruco Graña detallou que "esta fin de semana preséntase de novo interesante en Ribadeo para que todos e todas poidamos participar da intensa actividade cultural ribadense. Ademais temos que felicitarnos porque nesta ocasión hai iniciativa privada, entidades privadas que se suman ao desenvolvemento da actividade cultural ribadense. Tanto no Cine Teatro como na Casa das Letras poderemos por unha banda escoitar a un excelente monologuista e por outra asistir a unha interesante exposición de contidos dun ensaio de economía. E desde logo para nós é un pracer que haxa iniciativa de entidades de carácter privado, ben sexa con fin social, político, cultural ou empresarial, todo é benvido na actividade cultural ribadense".

Por outra banda o concelleiro de Cultura anunciou que "o venres pola mañá o Concello de Ribadeo vai estar representado nun acto de sinatura de novas incorporacións ao programa Apego. Desprazareime ata Nigrán para participar neste acto de benvida para os novos concellos que se suman e de reafirmación por parte daqueles que xa estamos. Queremos congratularnos porque concellos como Cee, Ponteareas, O Carballiño, Sada e Nigrán súmanse ao programa Apego". 

Farruco Graña quere "chamar a atención sobre que en Ourense son xa dous concellos os que están incorporados, o da propia cidade de Ourense máis o de Carballiño que se suma agora. En Lugo estamos os Concello de Lugo e de Ribadeo e gustaríanos, e sabemos que hai xente interesada, animar aos Concellos de A Mariña e de toda a provincia de Lugo en xeral, a sumarse a un proxecto precioso. Cando falamos de nenos ou nenas recen nacidos ou con 1, 2 ou 3 anos, este sábado puidémolo comprobar na biblioteca El Viejo Pancho, o bonito que era velos a todos eles con toda a emoción escoitando os Nanocontos de Queizás. Eles vivíano de maneira moi intensa e os propios pais e nais que estaban alí. Puidemos gozar dunha excelente exposición e ver como os nenos e nenas ían enriquecendo o seu vocabulario porque iso é do que se trata, desenvolver a nosa capacidade de coñecer todo o noso entorno adquirindo máis vocabulario e participando de forma lúdica nun acto deste tipo. Este acto intégrase no programa Apego". 

Para o edil de Cultura ribadense "sería marabilloso que nos fóramos sumando pouco a pouco desde a provincia de Lugo e desde A Mariña luguesa a este proxecto porque dá moitísimo de si. Ten a compoñente máis educativa desa caixiña na que veñen unha serie de elementos para orientar a educación dos cativos e darlles actividades lúdicas, como tamén a compoñente máis lúdico festiva de diversos actos culturais que se integran neste programa. Quero aproveitar a ocasión para lembrar a todos os concellos da provincia de Lugo e da Mariña luguesa especialmente, que se informen e se apunten ao programa Apego porque será moi enriquecedor e unha maneira máis de potenciar a presenza de nenos e nenas que son o noso futuro nos nosos concellos".

Farruco Graña engadiu que "precisamente no contexto do programa Apego, o domingo, 19 de marzo,  ás cinco e media da tarde no Cine Teatro e para toda a familia, estará a compañía os Ghazafelhos para representarnos a obra Iriña bailarina, que é á igualdade entre homes e mulleres desde o berce mesmo. Iriña é unha bailarina que vive nunha caixa de música e que ten unha especial ilusión por saír desa caixa ao mundo e xogar de maneira distinta, ao futbolín, a ser pirata, ser ela mesma e non limitarse a ser o que lle toca por ser nena. Vai ser un acto precioso para toda a familia, nenos e nenas, pais e nais gozando dun bo espectáculo no que todos aprendemos sobre todo a amar a nosa lingua".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo