Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Illa Pancha

O DEFENSOR BOTA EN FALLA INFORMACIÓN MEDIOAMBIENTAL

Faro da Illa Pancha

27/02/2017

O Concello ven de dirixirse á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao e á Xunta de Galicia para que revisen as súas resolucións e informes sobre o uso hoteleiro do faro da Illa Pancha. O alcalde, Fernando Suárez, fai estas declaracións despois das argumentacións desfavorables realizadas polo Defensor del Pueblo. O rexedor pide que en caso de que o Defensor del Pueblo teña razón esas administracións procedan a corrixir os seus informes antes de que o Concello tramite a licenza de actividade definitiva do establecemento.

Suárez Barcia dixo hoxe: "en relación con este hotel pretendido aquí na illa Pancha, tivemos coñecemento hai moi pouco tempo, destas argumentacións que o Defensor del Pueblo, desta institución de ámbito estatal, fixo sobre o expediente global a raíz das denuncias deste colectivo Por nuestro faro, que son tamén os que nos fan chegar esta comunicación".

O alcalde sinalou que "o Defensor del Pueblo ven cuestionar a tramitación basicamente de Portos do Estado que depende do Ministerio, e tamén dalgunhas autorizacións autonómicas. No senso, segundo di o Defensor del Pueblo, que necesitaba este expediente información medioambiental que non se produciu, e que tamén pon en solfa o xeito da tramitación da concesión".

Fernando Suárez explicou que "desde o Concello de Ribadeo somos a última administración que deu a licenza de obra en función de todos eses expedientes, informes e autorizacións previas destes organismos. Polo tanto con esta nova documentación que sabemos do Defensor del Pueblo, agora vimos de dirixirnos novamente a todos estes estamentos do Ministerio e da Xunta, solicitándolle a todos estes organismos afectados para que revisen as súas actuacións, que revisen os seus informes, que revisen as súas resolucións. E se está ben que o manifesten e que desmintan todo o que está dicindo o Defensor del Pueblo, e se realmente este ten a razón que procedan a corrixilo cos efectos que proceda xuridicamente, e que o fagan xa, sobre todo antes de tramitar polo Concello a actividade".

O rexedor ribadense manifestou que "o Concello participa indirectamente. O Concello deu a licenza e as autorizacións en función de todo iso. Se iso non está ben, o procedemento non pode seguir para adiante".

Fernando Suárez subliñou que "todo o mundo sabe que as licencias de obras son actos regrados. Se cumpren todos os informes e todas as disposicións, hai que outorgar a licenza si ou si. Pero se agora pasa, como parece que está pasando, que unha institución teoricamente seria como o Defensor del Pueblo cuestiona o modo de cómo se evacuaron eses informes, queremos sabelo antes de seguir dando máis pasos como última administración, pero como administración final que depende tamén de todos eses informes e autorizacións previas anteriores".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo