Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

HAI PREOCUPACIÓN ENTRE OS VECIÑOS E VECIÑAS

Couza guatemalteca

10/02/2017

O alcalde, Fernando Suárez, solicita ao goberno do Estado e á Xunta de Galicia que tomen medidas inmediatas diante da praga de couza guatemalteca que lle afecta á produción de pataca do agro mariñán. O rexedor critica a tardanza coa que están a tomar medidas para facer fronte a esta nova problemática que Suárez Barcia cualifica de desgraza. E asegura que xa solicitou hai días que técnicos de Medio Rural se acheguen a Ribadeo a ofrecer información á veciñanza.

Para Fernando Suárez "este é un tema de actualidade que está preocupando a moita xente, que nos preocupa moitísimo a nós, porque se dan as situacións paradoxicas que nestes días recibo aquí na Alcaldía a moita xente que me pregunta e me pide que os aconselle sobre se deben plantar patacas ou non".

O alcalde de Ribadeo fai un chamamento "ao goberno do Estado e á Xunta de Galicia que, como isto para outras cousas, se atopa neste caso o Ministerio moi lonxe de aquí, moi lonxe das angustias e das preocupacións das xentes do agro. Porque quizais en Madrid non saben que aquí se labran as patacas de cedo e as patacas de tarde, quizais non saiban en Madrid que a meirande parte da semente xa se ten mercada e xa está nas casas dos labregos, ou daqueles que non sendo lábranas para o seu autoconsumo, e que están desesperados e preocupados porque agora non saben qué facer".

Fernando Suárez engadiu que "se lles está dicindo que se recomenda non labrar, que dentro dunhas semanas sairá un decreto que o prohibirá, pero desde que se leva dicindo ata que no futuro se prohiba, a xente non sabe qué facer con estas patacas. Urxe polo tanto que se aclaren as medidas de xeito inmediato e non nas próximas semanas".

O rexedor subliñou "por outra banda desde a Xunta teñen que reaccionar inmediatamente, e establecer charlas en todos os concellos afectados. En Ribadeo xa o solicitamos hai varios días, para que os técnicos informen á cidadanía sobre cómo actuar diante desta desgraza".

O alcalde ribadense considera que "isto é unha desgraza e moito me temo que esta problemática veña para quedarse moito tempo, de feito nas Canarias prohibiuse e levan máis de dez anos sen levantar esa prohibición de labrar patacas alí. Aquí a verdade é que, por unha cousa ou por outra, parece que estamos obrigados a ser consumidores e non produtores. Se non é pola avespa velutina, polos problemas do leite, polos límites á construción naval, pola restrición nas enerxías renovables como a eólica, e agora como si se tratase dunha praga bíblica ven a couza guatemalteca a facerlle mal á nosa pataca".

Fernando Suárez denuncia que "tanto o goberno da Xunta como o goberno do Estado sabendo isto dende hai tempo, reaccionaron moi tarde. É tempo pois de recuperar todo este tempo perdido".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo