Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Ponte dos Santos

OS CONCELLOS NON PODEN ASUMIR ESTE CUSTE, SEGUNDO BARCIA

Ponte dos Santos

23/01/2017

O alcalde, Fernando Suárez, insiste en reclamar ao Ministerio de Fomento que asuma o pago do alumeado da Ponte dos Santos. O rexedor considera que Ribadeo e Castropol conseguirán que se faga xustiza e critica a resposta remitida polo Defensor del Pueblo.

Suárez Barcia declarou que "seguindo cunha infraestrutura que está de actualidade novamente como é a Ponte dos Santos, dado que nestes tempos o Ministerio de Fomento pretende poñer un novo radar de tramo na Ponte do Santos, un lugar que non é para nada conflitivo, aínda que as fochancas é certo que seguen sen tapar. Eu quero falar das inxustizas e do desamparo ao que moitas veces os cidadáns e tamén as administracións locais como as nosas, nos vemos abocados pola incomprensión ou polo inxusto desleixo que outras administración ou outras institucións fan sobre nós".

O rexedor ribadense advertiu: "pero que non se confundan todas elas porque nós somos pequenos, pero cando a razón nos asiste non nos cala a boca ninguén, nin o Rei nin o Defensor del Pueblo, que é a quen me estou referindo". 

O alcalde lembrou que "hai un tempo lle enviamos un escrito da inxustiza que tíñamos Castropol e Ribadeo por non ter alumeada a Ponte dos Santos por quen ten que ser o titular desa infraestrutura, que é o Ministerio de Fomento".

Suárez Barcia manifestou que "o Defensor del Pueblo, con sede en Madrid, contestounos literalmente por boca do que lle dixo o Ministerio de Fomento, sendo neste caso unha mera correa de transmisión e non un órgano autónomo, independente e sobre todo xusto, que é para o que foi creado".

O alcalde engadiu que "a través dunha dura e xusta misiva indicámoslle todo isto, e ademais que os Concellos de Castropol e Ribadeo non podemos pagar o alumeado desa infraestrutura por non corresponder á nosa titularidade, por estar expresamente prohibido na lei do goberno do Estado, neste e do anterior, que aprobou a lei 27/2013, polo que non podemos asumir gastos que non nos corresponden".

Fernando Suárez dixo que "me queda unha reflexión, ¿quen nos defende do Defensor?. En todo caso que saiban todos, as administracións que están involucradas nesta infamia, que faremos o posible e que, antes que despois, obrigarémolos a que cumpran as súas obrigas, que alumeen a Ponte dos Santos e que paguen o seu alumeado eles que son os titulares, e non os Concellos de Castropol e de Ribadeo".

Documentación

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo