Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Mercado Nadal 2

MAÑÁ, VENRES, ACENDERASE O ALUMEADO DESTAS DATAS NA RÚA

Chega o Nadal

08/12/2016

O alcalde, Fernando Suárez, visitou este mediodía a XIV edición do Mercado de Nadal, que permanecerá na rúa San Francisco e no parque ata o vindeiro domingo, 11 de decembro. Fíxoo acompañado por varios compañeiros e compañeiras do equipo de goberno. Nun total de 25 postos os artesáns ofertan unha ampla gama de produtos aos que se unen varias actividades paralelas durante estes días.

O rexedor declarou que "con este Mercado de Nadal comezamos esta época navideña en Ribadeo durante esta ponte, durante estes días de lecer, en que moitísima xente de aquí, de fora e de ben lonxe incluso, escolle Ribadeo como destino preferente".

Fernando Suárez comentou que "o Mercado de Nadal ten outro ano máis, e xa van catorce, todas estas casetas, neste ano nun número de 25, onde podemos atopar todo tipo de cerámica, téxtil, alimentación, xoiería, coiro, cervexa artesá, etc… Neste Mercado de Nadal, que estará desde hoxe ata o domingo, 11 de decembro, en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 ata 21:00 horas, todo o mundo poderá degustar, comprar, pasear, tomar algo ou aproveitar para mercar no comercio local". 

O rexedor ribadense subliñou que "estas cosas son para que os artesáns vendan e fagan unhas boas caixas, pero sobre todo para que a xente veña a Ribadeo, para que os hostaleiros, os bares, os restaurantes, os hoteis e os hostais poidan poñer o cartel de case completo, non será completo porque estamos preto do Nadal, pero rexistrarán unha ocupación importante".

Fernando Suárez lembrou que "de feito o tirón que está tendo Ribadeo en todo este tempo e ao longo do ano é algo obxectivo que está aquí para poder ver por calquera. Ao mesmo tempo queremos dotalo de actividades paralelas, non soamente os stands de todo isto, senón con actividades complementarias como música, magostos e un obradoiro de manualidades para os máis pequenos".

O alcalde ribadense indicou que "ademais a partir de mañá, venres, tamén poñeremos en funcionamento o alumeado de Nadal deste ano 2016, un alumeado sen prexuízo dos anteriores que foron bonitos, pero este ano quixemos facer un esforzo especial e estou convencido de que vai chamar a atención para ben de moita xente. Sen pretender que isto sexa Nova York nin moito menos, e sempre co aforro enerxético das bombillas leds, queremos facer de Ribadeo un lugar agradable para estar pola noite, facer todas as compras e ser outra vez máis a capital dunha ampla comarca tanto galega como asturiana, para que veñan aquí a pasalo ben e neste caso a mercar aquí no Mercado de Nadal".

Suárez Barcia percorreu este mediodía os postos do Mercado de Nadal acompañado polos concelleiros e concelleiras de Igualdade, Mocidade, Servizos Sociosanitarios, Cultura, Limpeza Viaria e Sostibilidade Ambiental.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo