Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Illa Pancha

BARCIA DI QUE "ISTO NON É GRECIA, ONDE SE PRIVATIZAN AS ILLAS"

Acceso á Illa Pancha

25/11/2016

O alcalde, Fernando Suárez, ven de dirixirlle unha carta á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao na que lle solicita que se manteña o acceso público á Illa Pancha. No escrito sinálase que o Concello esixirá, á hora de tramitar a licenza de actividade ao hotel que albergará o vello faro, que por parte do titular se manteña o devandito acceso a ese espazo.

O rexedor explicou que "este documento que acabamos de enviar á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, como titular da Illa Pancha e de todo o que alí contén, ten que ver con estas obras que contan coa súa preceptiva licenza para a construción dun hotel, e que no seu momento deberase garantir o acceso público a toda a Illa para que o Concello poida dar a licenza de actividade".

Suárez Barcia sinalou que "hai que ter en conta que a Autoridade Portuaria só concesionou unha parte da Illa, non toda. E si ben é certo que nestes últimos decenios a Illa estivo pechada ao uso público xeral por tratarse dun uso de interese xeral como era un faro, e podía ser comprensible esa actitude, agora non se entendería, agora que se privatiza a través dunha concesión que soamente quede restrinxida para uns poucos afortunados". O rexedor lembra que "a lei de Costas e toda a normativa que dela deriva é moi clara ao respecto. Toda a Illa ten a catalogación xurídica de dominio público marítimo terrestre polo que corresponde unha utilización libre, pública e gratuíta para os usos comúns, tales como pasear, estar, etc… tanto para os que sexan clientes ou para os que non o sexan".

O alcalde ribadense dixo que "isto non é Grecia, onde se privatizan as illas. Polo tanto, e aínda que cumpre con todas as autorizacións a conversión dese edificio en hotel, desde logo deberán ter o acceso aberto para todo o público por parte do Concello, senón o Concello non poderá dar a licenza de actividade necesaria para poder operar".

Documentación

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo